O PSdeG esixe á Xunta datos sobre os incendios deste verán e o número de brigadas municipais operativas

Carmen Rodríguez Dacosta cuestiona que o Goberno galego só informe dos lumes que superan as 20 hectáreas
Carmen-Dacosta-psoe
16 Aug 2026

O PSdeG reclama á Xunta que informe sobre a superficie queimada en Galicia durante este verán, así como sobre o número de brigadas municipais que están actualmente constituídas e operativas. A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta considera insuficiente a información que está ofrecendo o Goberno galego nun momento no que se están rexistrando incendios en diferentes puntos da comunidade.

Dacosta sinala que a Xunta só está facendo públicos os datos correspondentes aos incendios que superan as 20 hectáreas, polo que reclama que tamén se incorporen ao balance os numerosos lumes que quedaron por debaixo desa superficie. “A Xunta ten que explicar que está pasando realmente este verán cos incendios”, reclama a parlamentaria.

A deputada vincula esta falta de información coa situación das brigadas municipais previstas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), cuxa formalización se produciu este ano novamente con atraso. Segundo apunta, tampouco se coñece cantos destes equipos están efectivamente constituídos e traballando.

“Desde o PSdeG levamos tempo advertindo que este é un modelo precario e desfasado”, sinala Dacosta, que cuestiona un sistema no que as brigadas municipais se forman con persoal contratado durante períodos de só tres meses. A socialista apunta tamén ás dificultades que teñen os concellos para atopar efectivos e critica que estes equipos poidan chegar a constituírse “a finais de xuño ou xa en agosto, cando Galicia está en plena época de alto risco”.

O PSdeG sitúa como exemplo da evolución deste modelo o número de brigadas municipais existentes entre 2016 e 2023. Segundo os datos achegados pola formación, pasouse de 263 equipos a 112, o que supón a desaparición de 151 brigadas en sete anos.

A formación socialista sinala ademais que en 2023 houbo 78 concellos gobernados polo Partido Popular que non conseguiron constituír as súas brigadas malia estar adheridos ao convenio coa comunidade autónoma. Para o ano seguinte, engade, a Xunta deixou de informar sobre cantas brigadas puideron finalmente poñerse en marcha.

Carmen Rodríguez Dacosta defende que as tarefas de prevención deben estar completadas antes do inicio do período de maior risco e critica que en numerosos puntos da comunidade este traballo comece cando a campaña xa está avanzada. “A prevención do lume non pode comezar en agosto”, afirma.

A deputada socialista reclama así que a Xunta dea a coñecer cantos incendios se rexistraron este verán, que superficie foi afectada e cantas das brigadas municipais contempladas no Pladiga están realmente traballando. “Unha cousa son os medios que Rueda anuncia sobre o papel e outra os que realmente están no territorio”, conclúe.

0.31144213676453