O PSdeG esixe á Xunta explicar o recorte de máis de 100 millóns no programa de acceso á vivenda

O deputado do PSdeG Aitor Bouza reclamou á Xunta que aclare o destino de máis de 100 millóns de euros retirados este ano do programa 451B, destinado ao acceso á vivenda. Segundo os datos de execución orzamentaria do propio Goberno galego, a partida iniciou 2026 con 197 millóns de euros e quedou reducida a 92 millóns.
Bouza trasladou esta cuestión ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, durante a Comisión 2ª do Parlamento galego, onde tamén puxo o foco na falta de execución do programa. Segundo denunciou, ao peche do primeiro trimestre non se gastara ningún euro e as obrigas recoñecidas permanecían a cero. «Cando a execución é cero, é que fixeron cero», afirmou o socialista, que preguntou que actuacións se levaran a cabo durante ese período e cantas políticas de vivenda se poderían ter impulsado cos fondos retirados.
O deputado sinalou ademais que a redución dos créditos xa se producira en anos anteriores, aínda que máis tarde. En 2024 e 2025, segundo explicou, a Xunta agardou ata o terceiro trimestre para reducir a partida, o que, ao seu xuízo, permitía que posteriormente a porcentaxe de execución parecese maior. A pesar diso, o ano pasado só se executou a metade do crédito finalmente dispoñible, que representaba arredor do 25 % da contía inicialmente anunciada. Este ano, subliñou, o recorte produciuse moito antes.
A resposta da Xunta, centrada nos datos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), non convenceu a Bouza. «Eu non pregunto polo IGVS. Pregunto polo programa de acceso á vivenda», replicou. O parlamentario lembrou que existen diferentes libros de execución orzamentaria, entre eles os correspondentes aos organismos autónomos e o do programa consolidado, que recolle as obrigas recoñecidas do conxunto da Xunta. «Se os datos son falsos, son os que dá o conselleiro de Facenda», sentenciou.
O socialista tamén acusou o Goberno de Alfonso Rueda de presentar como «históricos» uns orzamentos que incorporan fondos estatais e, posteriormente, responsabilizar ao Estado da situación destes recursos. «Se queren facer oposición ao Ministerio, xa saben onde é: no Congreso. Aquí veñen responder da súa propia execución», afirmou.
Bouza advertiu de que os problemas de execución non se limitan ao programa de acceso á vivenda. Segundo indicou, durante o mesmo trimestre o programa destinado á rehabilitación quedou nun nivel de execución do 1 %.
Durante a súa intervención tamén cuestionou o formato no que a Xunta presenta a información orzamentaria, ao considerar que dificulta o seu acceso e reutilización. Criticou que os datos se faciliten en libros en papel que deben ser fotocopiados, fronte á publicación dixital dos datos por parte do Ministerio, e ironizou: «Dentro de pouco tráennos a execución orzamentaria en pedra tallada».
Bouza concluíu advertindo de que o Goberno galego volverá presentar dentro dun mes uns novos orzamentos que cualificará de «históricos» no ámbito da vivenda. «Cada vez hai máis demandantes de vivenda e menos respostas. Máis titulares e menos orzamento executado», afirmou.