O PSdeG estima en 120.000 os doentes de covid persistente e pide consultas de enfermería especializadas

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, advertiu de que Galicia podería contar con arredor de 120.000 persoas afectadas por covid persistente e reclamou á Xunta a creación de consultas de enfermería especializadas en todas as áreas sanitarias.
Espinosa presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que denuncia que o peche definitivo da unidade de enfermería de referencia en Ourense supón a retirada total do apoio institucional aos doentes desta enfermidade crónica, recoñecida oficialmente desde o pasado mes de xullo. Segundo sinalou, esta decisión obriga ás persoas afectadas a “peregrinar” por diferentes especialistas sen coordinación nin seguimento continuado.
A responsable socialista cualificou de “incomprensible” que o Goberno galego deixe “tirados” a pacientes cunha doenza crónica que precisa atención integral, e instou ao Executivo autonómico a “escoitar aos afectados e actuar con responsabilidade”, reverter unha decisión que considera improvisada e motivada unicamente por criterios de recorte orzamentario.
Segundo os datos expostos, en Galicia rexistráronse 762.301 casos de covid, dos cales entre un 10% e un 20% derivaron en covid persistente, o que suporía arredor de 120.000 doentes. Trátase dunha enfermidade que afecta múltiples sistemas orgánicos —cardiovascular, nervioso, endócrino, inmunolóxico, reprodutivo ou gastrointestinal— e que presenta síntomas como malestar xeral, dores musculares, astenia, problemas de concentración ou fallos de memoria.
As persoas afectadas viñan sendo atendidas nas unidades específicas de covid persistente creadas nas sete áreas sanitarias galegas, que foron sendo desmanteladas progresivamente. A última delas, a de Ourense, pechou en febreiro do pasado ano, mantendo unicamente un servizo de enfermería de referencia que foi eliminado definitivamente hai uns días.
Espinosa alertou do baleiro asistencial ao que se está a condenar a centos de pacientes en Galicia e reclamou ao Servizo Galego de Saúde que garanta a estas persoas a mesma atención que reciben outros doentes crónicos. Ademais, advertiu de que a supresión destes recursos “xerará custes sociais, económicos e humanos moito maiores no futuro”.