O PSdeG Ourense destaca o investimento de 2,1 millóns de ADIF para mellorar a permeabilidade ferroviaria na cidade

As obras ampliarán os pasos de Ramón Puga e Tarascón e forman parte da estratexia de integración urbana do ferrocarril en Ourense
paso-superior-rua-tarascon
2 Jul 2026

O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a licitación por parte de ADIF das obras destinadas a incrementar a permeabilidade do ferrocarril na cidade, cun investimento de 2,1 millóns de euros que permitirá a ampliación do paso inferior da rúa Ramón Puga e do paso superior da rúa Tarascón.

Segundo sinalan os socialistas, esta actuación responde a unha “demanda histórica” da veciñanza das zonas afectadas e supón un avance na mellora da mobilidade, tanto peonil como de vehículos, entre ambas marxes da infraestrutura ferroviaria. O proxecto enmárcase no convenio de colaboración entre ADIF e o Concello de Ourense.

A deputada no Congreso, Marga Martín, destacou que “este investimento demostra que cando hai vontade política, as demandas históricas da cidadanía acaban converténdose en realidade”, e asegurou que o Goberno de Pedro Sánchez está a impulsar actuacións que melloran a mobilidade, a seguridade e a integración urbana do ferrocarril.

Pola súa banda, o senador socialista Rafael Rodríguez Villarino enmarcou esta intervención nunha estratexia máis ampla de modernización ferroviaria na provincia, e criticou a xestión de anteriores gobernos do Partido Popular, aos que acusou de falta de investimento en infraestruturas ferroviarias.

Os socialistas sinalan que esta actuación contribúe a eliminar barreiras urbanas entre barrios, mellorar a cohesión da cidade e reforzar a integración do ferrocarril no tecido urbano, e subliñan que se suma a outros proxectos impulsados polo Goberno de España na provincia.

En canto ao detalle técnico das actuacións, no caso do paso inferior da rúa Ramón Puga prevese a separación da calzada en dous sentidos de circulación e a creación dun novo vial de aproximadamente 80 metros de lonxitude, que cruzará a liña ferroviaria mediante un novo paso inferior dotado de beirarrúa para peóns. O paso existente pasará a ter sentido único e incluirá espazo peonil.

No caso do paso superior da rúa Tarascón, tamén se procederá á separación da calzada en dous sentidos, coa execución dun novo vial de acceso desde a N-120 de arredor de 45 metros que cruzará a vía mediante un novo paso superior con beirarrúa. A infraestrutura actual quedará destinada ao sentido de circulación contrario.

0.31687092781067