O PSdeG pide máis recursos e unha resposta inmediata fronte ao acoso escolar en Galicia

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, presentou no Parlamento unha batería de iniciativas co obxectivo de esixirlle á Xunta que indemnice “de inmediato” á familia do menor da comarca de Santiago vítima de acoso escolar. Bouza criticou que o Goberno galego pretenda recorrer ante o Tribunal Supremo a sentenza que o obriga a indemnizar á familia da vítima con 9.000 euros.
O responsable socialista cualificou a decisión de continuar co litixio como “profundamente desacertada dende o punto de vista político, institucional e humano”. Neste sentido, sinalou que as vítimas e as súas familias “precisan dunha Administración que as acompañe e protexa, e non dunha Administración que continúe cuestionando nos tribunais a súa responsabilidade ante feitos xa acreditados xudicialmente”.
Bouza lamentou que a Xunta opte por prolongar a vía xudicial en lugar de asumir responsabilidades e centrar os esforzos na reparación do dano causado e na mellora dos mecanismos de prevención. Engadiu que a loita contra o acoso escolar require “moito máis que protocolos formais” e reclamou máis recursos, reforzo da orientación educativa, atención psicolóxica especializada e formación continua para o profesorado.
O portavoz socialista pediu tamén a implantación de mecanismos de detección temperá e unha actuación inmediata e coordinada ante calquera indicio de violencia ou intimidación no ámbito escolar, ao considerar que esta debería ser a liña de traballo, fronte á decisión do Goberno galego de recorrer unha sentenza que recoñece o sufrimento do menor e a responsabilidade da Administración educativa.