O PSdeG reclama á Xunta axudas directas para o marisqueo e as bateas tras os temporais do inverno

A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamou á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan de axudas directas para os sectores marisqueiro e bateeiro co obxectivo de paliar os danos causados polos temporais do inverno, que deixaron un “escenario devastador” nas rías galegas.
A deputada socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca na que criticou que o Goberno galego aínda non anunciase medidas para facer fronte ao que cualificou como “a peor crise da historia” destes sectores.
Castro demandou axudas directas ás persoas traballadoras do mar que permitan facer fronte ao pagamento das cotas á Seguridade Social, así como compensacións equivalentes ao salario mínimo ou a prórroga automática de permisos e concesións ata que se recupere o recurso. Tamén propuxo a creación dun seguro público de produción marisqueira e compensacións polas perdas tanto no marisqueo como nas bateas.
A portavoz socialista insistiu na necesidade de escoitar ao sector e poñer en marcha “medidas sociais propias” adaptadas á realidade galega, ademais de apoio técnico para a recuperación dos bancos marisqueiros. Neste sentido, reclamou un plan plurianual de recuperación das rías, elaborado en colaboración coas confrarías, agrupacións de mariscadoras e organizacións bateeiras.
Ademais, lembrou que as confrarías están a solicitar a declaración de zona catastrófica, unha medida que depende da Xunta ao facilitar os datos oficiais sobre o estado dos bancos marisqueiros.
O sector tamén demanda un plan específico de Augas de Galicia para reforzar o control dos vertidos e establecer sistemas de alerta e xestión dos encoros. Entre as propostas, inclúese a elaboración dun protocolo que regule os niveis e volumes de auga liberados en función das mareas, co fin de evitar a mortalidade de moluscos pola chegada masiva de auga doce.
Castro instou ao Goberno galego a actuar con urxencia e a consensuar medidas co sector para responder ás súas necesidades reais, lembrando que en zonas como A Illa de Arousa, que concentra o 43,51% dos permisos de marisqueo de Galicia, a situación é crítica, con bancos “practicamente inertes”.