O PSdeG reclama á Xunta de Galicia un Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar con máis recursos e independencia

Paloma Castro pide incorporar as alegacións do sector ao decreto en tramitación e critica os atrasos no cumprimento dos acordos parlamentarios sobre igualdade
Paloma-Castro-Mulleres-Salgadas-PSOE
5 Aug 2026

O PSdeG reclamoulle á Xunta de Galicia que incorpore ao decreto que regulará o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar as alegacións presentadas por distintas entidades do sector e que dote este organismo de orzamento, persoal técnico e independencia funcional.

A deputada socialista Paloma Castro trasladou esta demanda tras manter recentemente un encontro con representantes de Mulleres Salgadas. A parlamentaria criticou o atraso acumulado na posta en marcha de diferentes compromisos relacionados coa igualdade no ámbito rural e mariñeiro, lembrando que moitos deles foron aprobados por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Castro referiuse especialmente ao compromiso adquirido durante o Debate sobre o Estado da Autonomía de 2021 para elaborar o Estatuto da Muller Rural Galega e un Plan Estratéxico para a Muller Rural de Galicia, iniciativas que, segundo denunciou, aínda non foron desenvolvidas. Tamén lembrou o acordo alcanzado en 2022 para crear un observatorio específico para as mulleres do sector pesqueiro.

A socialista considera que o modelo presentado pola Xunta de Galicia non responde ao espírito dos acordos parlamentarios e defende a creación dun órgano independente, con capacidade para realizar estudos rigorosos sobre a situación das mulleres no rural e no mar e para formular propostas baseadas en datos obxectivos.

Segundo explicou, o observatorio debería contar con persoal investigador especializado, autonomía técnica e recursos suficientes para analizar as desigualdades existentes e contribuír ao deseño de políticas públicas eficaces. Neste sentido, criticou que o Goberno galego non estea atendendo as demandas formuladas polas organizacións representativas destes sectores.

O Grupo Socialista anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a incorporar as alegacións de entidades como Mulleres Salgadas á redacción definitiva do decreto. O obxectivo, segundo indicou Castro, é garantir que o observatorio cumpra co mandato aprobado por unanimidade pola Cámara galega en marzo de 2022.

Ademais, a iniciativa socialista reclama que o Goberno autonómico cumpra os compromisos adquiridos en materia de igualdade no rural e impulse, sen máis demora, a aprobación do Estatuto da Muller Rural Galega e do correspondente plan estratéxico en colaboración coas organizacións representativas das mulleres do rural.

0.43348383903503