O PSdeG reclama á Xunta mellor atención ao colectivo LGTBI e unh actuación da lei de igualdade

A deputada socialista Silvia Longueira reclamou no pleno do Parlamento unha actualización da Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. Segundo advertiu, é preciso acometela ante as novas formas de odio e discriminación contra as persoas LGTBI.
Entre outros aspectos, sinalou a necesidade de incluír nela un réxime sancionador, ao que engadiu, á marxe da norma, a reclamación dun incremento das partidas orzamentarias destinadas a atender os programas sobre o colectivo. Nese senso, afeoulle á Xunta que dedique a ese fin “menos recursos que calquera concello grande de Galicia”.
Longueira ironizou con que 150.000 euros dedicados a estas políticas “son moitísimo se pensamos de onde partían vostedes, porque partían de peras y manzanas”, dixo en referencia ás lamentables declaracións de cargos populares contra a lei de matrimonio igualitario.
Tamén criticou que o PP “non ten ningún sentido da precariedade que padece o colectivo”, dentro da que se inclúen “verdadeiras situacións de odio” ás que non da resposta a actual normativa tal e como está.
De feito achegou datos como que un 42,5 % destas persoas enfrontáronse a unha situación de odio no último ano, o 25,25 % sufriron discriminación, o 16,25 foron vítimas de agresións físicas ou verbais, un 26,82 % presentou denuncia ante as autoridades e un 27,09 % acudiu a algunha asociación sen denunciar formalmente.
Por iso, Longueira sinalou esa “infradenuncia” como un problema de protección por parte das institucións.