O PSdeG reclama á Xunta un censo de vivenda baleira e a creación dun Banco Público de Alugueiro

O Grupo Socialista reclamou este martes á Xunta de Galicia a elaboración dun censo de vivendas baleiras e a posta en marcha dun Banco Público de Aluguer que permita incorporar ao mercado polo menos 100.000 inmobles para atender as necesidades habitacionais da cidadanía. O portavoz socialista de Vivenda, Aitor Bouza, acusou o Partido Popular de «apostar pola especulación» despois de que a formación votase en contra da iniciativa presentada polos socialistas no Parlamento galego.
Bouza defendeu a necesidade de contar cun rexistro fiable das vivendas baleiras, unha cifra que, segundo lembrou, o Instituto Nacional de Estatística sitúa por riba das 500.000 en Galicia. A partir dese censo, propón impulsar a incorporación dos inmobles dispoñibles ao mercado do aluguer a través dun banco público que ofreza garantías ás persoas propietarias e estableza prezos accesibles, cun límite do 30 % do salario medio.
Ante a negativa do PP, o responsable socialista anunciou que o PSdeG presentará a proposta como proposición de lei para tentar avanzar na mobilización destas vivendas.
O deputado considerou urxente actuar ante a crise habitacional e responsabilizou os gobernos do PP dos últimos 17 anos da falta de avances na construción de vivenda pública. Segundo denunciou, a política da Xunta provocou unha situación de «emerxencia habitacional evidente» tras a supresión dos investimentos en vivenda pública impulsados durante o Goberno de Pérez Touriño. Bouza sostivo que, de manterse aquel nivel de investimento, Galicia disporía hoxe dun parque público de vivenda «digno».
Durante a súa intervención, Aitor Bouza tamén respondeu ás críticas dos populares polo bico entre Pedro Sánchez e a súa muller durante un mitin. O portavoz socialista acusou o PP e o seu líder, Alberto Núñez Feijóo, de defender os intereses dos especuladores e afirmou que a formación popular fai a «guerra contra as persoas» que precisan unha vivenda.
Bouza ironizou sobre as críticas dos populares e contrapuxo o «amor aos dereitos» ás políticas que, ao seu xuízo, dificultan o acceso á vivenda e o recoñecemento de dereitos sociais. Tamén lembrou a oposición do PP á lei que permitiu o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional.
O socialista concluíu a súa intervención cuestionando a capacidade dos populares para dar leccións sobre dereitos e reivindicou a necesidade de situar as persoas e as súas necesidades no centro das políticas públicas.
O PSdeG pide reforzar a prevención do consumo de drogas entre a mocidade
Por outra banda, a deputada socialista Silvia Longueira reclamou no pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta impulse unha campaña eficaz contra o consumo de drogas entre a mocidade, en coordinación cos concellos e coas entidades que traballan na prevención e atención das adiccións.
Longueira defendeu o reforzo dos plans municipais de actuación e o incremento dos convenios coas asociacións especializadas, con programas específicos dirixidos a nenos e nenas de entre 12 e 18 anos.
A parlamentaria criticou que o prazo de participación no Plan de prevención de condutas aditivas de Galicia 2026-2030 se abrira sen constituír previamente unha mesa de traballo coas entidades do sector. Segundo sinalou, tampouco se están mantendo reunións anuais coas nove organizacións que teñen convenios coa Administración autonómica e que prestan servizos médicos, apoio ás familias, asesoramento e atención directa.
A deputada cuestionou tamén a falta de información económica consolidada sobre o novo plan, que pretende actualizar a planificación anterior, correspondente ao período 2011-2016. Longueira advertiu de que a documentación publicada pola Xunta recolle os obxectivos, pero non detalla unha contía global para os cinco anos de vixencia.
«Que planificación operativa, compromisos e avaliacións se cubriron nese período intermedio no que nada houbo?», preguntou a representante socialista, que reclamou explicacións sobre a ausencia dunha planificación continuada entre o remate do anterior programa e a elaboración do novo.
O PSdeG defende que a prevención das adiccións require continuidade, recursos suficientes e cooperación entre a Xunta, os concellos e as entidades especializadas para ofrecer unha resposta efectiva, especialmente entre a poboación máis nova.