O PSdeG reclama á Xunta un instituto público para Valdoviño ante o forte crecemento poboacional

O secretario xeral do PSdeG-PSOE e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou xunto ao alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias para esixir á Xunta a construción dun instituto público no municipio.
Besteiro destacou que se trata dunha demanda histórica da veciñanza e da comunidade educativa, que cobra maior relevancia ante o notable incremento demográfico que experimenta o concello. Segundo sinalou, Valdoviño converteuse no municipio que máis crece da comarca de Ferrolterra, cun aumento duns 600 habitantes nos últimos cinco anos, superando xa os 6.800 veciños e veciñas.
O líder socialista subliñou que, malia este crecemento, Valdoviño segue sendo un dos poucos concellos do seu tamaño que non conta cun instituto de educación secundaria, o que obriga o alumnado a desprazarse diariamente a localidades como Cedeira, Narón ou Ferrol para continuar os seus estudos.
Besteiro advertiu ademais de que esta tendencia demográfica podería intensificarse nos vindeiros anos debido á rehabilitación de 94 vivendas promovida pola Sareb, nun proxecto impulsado polo Concello e o Goberno de España, cun investimento de 3,5 millóns de euros. Esta actuación, segundo explicou, favorecerá a chegada de novas familias e, polo tanto, dun maior número de nenos e nenas en idade escolar.
O dirixente socialista, que visitou a zona acompañado do alcalde e do deputado Aitor Bouza, criticou a actitude da Xunta ao considerar que non está a dar resposta ás necesidades educativas do municipio. Neste sentido, acusou ao Executivo galego de non atender nin sequera a solicitude de reunión formulada polo rexedor para abordar a creación do centro educativo.
Besteiro reclamou ao presidente da Xunta que dea instrucións para que o alcalde sexa recibido polo conselleiro correspondente e instou a iniciar canto antes os trámites para a construción do instituto, así como a incluír as partidas necesarias nos próximos orzamentos autonómicos.
O Grupo Socialista defenderá tamén no Parlamento que se coordine o proxecto coa comunidade educativa e co Concello, co obxectivo de definir o modelo do futuro centro e estudar a posible incorporación dunha liña de formación profesional básica.