O PSdeG reclama máis controis para identificar o polbo galego do de fóra

Advirten de que unha parte importante do produto que chega ao mercado galego procede de fóra e pide reforzar a información sobre a súa procedencia en comercios e restaurantes
Paloma Castro
12 Aug 2026

O Grupo Socialista levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar á Xunta que adopte medidas que permitan identificar de maneira inequívoca a procedencia do polbo que se comercializa na comunidade. A proposta busca que os consumidores poidan diferenciar con facilidade o produto galego do que procede doutros territorios.

A portavoz de pesca do PSdeG, Paloma Castro, alertou sobre a situación que, ao seu xuízo, se produce actualmente no mercado galego, onde unha parte importante do polbo consumido procede de fóra. A deputada socialista sinalou que o consumidor “nin sabe nin pode distinguilo do produto galego”, polo que considera necesario mellorar a información dispoñible sobre a súa orixe.

Castro defenderá na Cámara autonómica a necesidade de incrementar a “transparencia, máis control e máis información” ao longo da comercialización do produto. Esta información, segundo os socialistas, debería estar dispoñible tanto nos establecementos comerciais como nos restaurantes.

A deputada destacou tamén a importancia económica que ten o polbo para o sector pesqueiro galego e para as persoas que dependen da actividade marítima. “Cando escollemos polbo galego, estamos apoiando á nosa frota, ás confrarías e a centos de familias que viven do mar”, salientou.

A iniciativa socialista lembra que a normativa actual xa contempla obrigas de información sobre a procedencia do polbo nas diferentes etapas da cadea comercial. Porén, o PSdeG considera que esta información non chega sempre ao consumidor final, especialmente “nos establecementos de restauración e nalgunhas modalidades de comercialización”.

Esta situación, segundo recolle a proposta, acaba prexudicando ao produto galego. Os representantes do sector pesqueiro veñen advertindo de que a ausencia dunha diferenciación suficientemente clara entre o polbo galego e o importado “contribúe a unha competencia desleal” e dificulta que o produto capturado pola frota galega alcance “un prezo acorde coa súa calidade e co esforzo realizado polos profesionais do mar”.

Os socialistas engaden que os consumidores “teñen dereito a coñecer a procedencia dos alimentos que adquiren”, polo que consideran necesario garantir que esa información sexa accesible e comprensible no momento da compra ou do consumo.

A formación reclama á Xunta que, dentro das súas competencias en materia de promoción dos produtos pesqueiros, consumo e control da cadea alimentaria, impulse as actuacións necesarias para protexer o produto autóctono. Ademais, pide que o Goberno galego traslade estas medidas ao Estado e á Unión Europea cando sexa necesario introducir cambios no actual marco normativo.

A proposta inclúe tamén un reforzo das inspeccións para comprobar a trazabilidade da orixe do polbo que se comercializa en Galicia. Xunto con estas actuacións de control, o PSdeG aposta por desenvolver campañas de información e sensibilización destinadas tanto á cidadanía como aos operadores da cadea de comercialización.

0.37290287017822