O PSdeG reclama máis fondos para as festas de interese turístico de Galicia

Lara Méndez criticou a falta de transparencia do Goberno galego sobre todo o relacionado con este tipo de celebracións
Lara Méndez PSOE
18 Sep 2026

A deputada socialista Lara Méndez reclamou hoxe un incremento da dotación orzamentaria destinada ás suvencións para a promoción e difusión de festas de interese turístico de galicia e unha suba do importe máximo desas axudas. Méndez criticou en comisión parlamentaria a falta de transparencia do Goberno galego sobre todo o relacionado con este tipo de celebracións, chegando ao punto de que, para saber o número das que existen na actualidade, hai que recorrer ao documento dun convenio asinado cunha entidade privada. “Como fará calquera cidadán para coñecer cales hai?”, preguntouse.

A parlamentaria do PSdeG censurou, por unha banda, que malia que hai unhas bases que regulan a concesión das axudas, o PP empregue outros mecanismos “para financiar festas en concellos afíns”, por exemplo, a través da contratación menor. Nese punto mencionou o emprego dese sistema para financiar festas en Lugo a través da Axencia Galega de Turismo “por cuestións puramente electorais”. “Dun xeito grotesco e pola vía de atrás”, engadiu.

Referiuse tamén á festa indiana de Ribadeo, que comezou a obter fondos por medio de convenios despois de que a alcaldía mudase de cor política, pasando a ser do Partido Popular. “O PP sempre fai un uso partidista dos cartos para axudar aos seus”, sinalou sobre a discrecionalidade coa que actúan os populares desde as institucións.

Por outra banda, Lara Méndez criticou a escaseza do orzamento para as propias subvencións ás festas de interese turístico, cun modelo que “presenta limitacións significativas”. Entre elas, apuntou o límite máximo de 4.000 euros por axuda e unha única concesión por concello, aínda que coincidan varias celebracións no mesmo termo municipal.

Por iso, uniu ás demandas unha modificación dos criterios de concesión, co fin de permitir que as solicitudes se formulen por cada festa declarada de interese turístico, e non con esa restrición dunha soa axuda por concello.

0.36992001533508