O PSdeG reclama que os 270 millóns adicionais para dependencia se destinen a garantir os dereitos das persoas dependentes

Silvia Longueira pide á Xunta que complete a achega estatal para alcanzar un investimento medio de 1.320 euros mensuais por persoa con gran dependencia e critica o recurso ao “bono caridade” de 416 euros
SILVIA LONGUEIRA PSdeG
14 Aug 2026

A portavoz de política social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, reclamou á Xunta que destine directamente á atención das persoas dependentes os 270 millóns de euros adicionais que achegará o Estado para financiar o sistema de dependencia en Galicia. A parlamentaria socialista lembrou que estes fondos, correspondentes ao presente exercicio e ao seguinte, xa comezaron a chegar ás arcas autonómicas desde o mes de xullo.

Longueira cuestionou os plans do Goberno galego para utilizar estes recursos e defendeu que a nova financiación debe traducirse nun reforzo efectivo dos dereitos recoñecidos ás persoas dependentes. Segundo explicou, a achega estatal supón 660 euros por persoa e mes no caso dos grandes dependentes, polo que a Xunta debería asumir unha cantidade equivalente para acadar un investimento medio mensual de 1.320 euros.

A deputada do PSdeG lembrou que a conselleira de Política Social asegurara semanas atrás que a medida aprobada polo Consello de Ministros era “papel mollado”, pero sinalou que a modificación xa está en vigor desde xullo. Neste contexto, preguntouse “se o Goberno de Rueda vailles recoñecer agora aos dependentes os seus dereitos ou vai seguir tratando de enganalos con ese bono caridade de 416 euros”, en referencia á axuda empregada pola Xunta para a atención das persoas que precisan estes servizos.

Longueira acusou o PP de desprazar as persoas dependentes “cara un sistema de caridade” e reclamou que a cidadanía sexa tratada “como suxeitos de dereito”, en lugar de basear a atención en axudas económicas que, segundo a súa valoración, non permiten garantir os dereitos establecidos pola normativa.

A socialista tamén cuestionou as referencias da Xunta a unha suposta débeda de 3.000 millóns de euros do Estado con Galicia en materia de dependencia. Segundo afirmou, a maior parte desa débeda tería sido xerada durante os gobernos de Mariano Rajoy entre 2011 e 2018, período no que, segundo indicou, as achegas estatais ao sistema chegaron a reducirse ata o 21 %.

A parlamentaria asegurou que esa débeda debe ser reclamada “coas contas claras e asinadas nun papel” e sostivo que “evidentemente, non é de 3.000 millóns”.

Silvia Longueira explicou tamén como se modifican as achegas destinadas ás persoas dependentes en función do seu grao. No grao III, a contía estatal pasa de 290 a 660 euros por persoa e mes, o que supón un incremento do 128 %. Para o grao II, a achega duplícase, pasando de 130 a 260 euros mensuais, mentres que no grao I aumenta un 18 %, de 76 a 90 euros.

A portavoz socialista defendeu que estes fondos deben servir para unha “reformulación do sistema” e advertiu de que “eses cartos non poden servir para que o PP encha a boca dicindo que ten resolta a dependencia, que aumentaron as solicitudes que xa están cobrando, pero o que están cobrando é ese bono caridade, e non obtendo os dereitos tal como están recoñecidos na lei”.

Na súa comparecencia, Silvia Longueira referiuse tamén á declaración definitiva do pazo de Meirás como lugar de memoria democrática, despois de que o Boletín Oficial do Estado publicase este venres a resolución da Secretaría de Estado de Memoria Democrática do pasado 6 de agosto que pon fin á tramitación da declaración.

A deputada socialista cualificou a decisión de “boísima noticia” para Galicia e para o conxunto do Estado e destacou os anos de reivindicación necesarios para acadar esta declaración, así como a implicación da veciñanza.

Longueira trasladou ademais o seu agradecemento ao Goberno e, especialmente, ao secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, pola súa “implicación tan directa” neste proceso.

0.34229493141174