O PSOE acusa a Augas de Galicia de empregar o canon da auga para beneficiar aos concellos do PP

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Aitor Bouza, denunciou hoxe que 8 de cada 10 euros recadados polo canon da auga van parar a concellos do PP. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Augas de Galicia no Parlamento, ao que acusou de empregar o canon con criterios partidistas para beneficiar a concellos afíns.
O responsable socialista esixiu criterios obxectivos no reparto dos fondos e que reinvistan nos concellos como mínimo o 50 por cento do que recadan por esta taxa. Bouza advertiu que “non pode ser que concellos que recadan dous millóns de euros nun só ano ou 15 millóns en 5 anos reciban cero euros” porque o goberno galego decide o reparto “en función da cor política”.
Criticou a xestión política do PP na Xunta de Galicia logo de demostrar que Augas de Galicia asinou con concellos do PP o 77 por cento dos convenios en 2023, o 72,7 por cento en 2024, e 65 dos 89 concellos beneficiados entre 2023 e 2025 eran deste mesmo partido político. Acusou ao responsable de Augas de Galicia de reinvestir as contías en concellos escollidos “a dedo” demostrando que están a empregar a institución “en función dos seus intereses políticos”.
Bouza denunciou a falla de respecto institucional amosada por parte do responsable de Augas de Galicia, afeándolle que teñan agochados os datos de recadación do canon da auga, respondendo primeiro que “fixéramos nós a conta” da recadación acumulada por concellos dende 2009.
Esta resposta “indecente” provocou que os socialistas preguntaran concello por concello e ano por ano, ao que Augas negouse a responder cumpridamente, demostrando que “a opacidade é o resumo da súa xestión”, porque “non contesta e ademais nos toma por parvos”.
O parlamentario socialista advertiu que o director xeral de Augas de Galicia “viu ao Parlamento a emendar á conselleira de Medio Ambiente” ao sinalar hoxe que a construción de embalses que ela puxo enriba da mesa eran “o último recurso”.
Amosou a súa “sorpresa” pola “puntualización” do alto cargo das palabras de Ánxeles Vázquez logo dos problemas de abastecemento de auga deste verán. Bouza criticou a xestión da seca por parte do PP no goberno galego, que o único que fixo este verán foi “agardar a unha solución máxica que ao final apareceu en forma de chuvia”.