O PSOE acusa a Rueda de adaptar agora en Sanidade medidas que votou en contra cando as propoñían os socialistas

O portavoz de sanidade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, cargou hoxe contra “o novo plan de atención primaria, ou a nova reforma despois de tres plans e dous anuncios de reformas” que Rueda adiantou onte e que, ao seu xuízo, non é máis que a demostración “de que este Goberno é absolutamente incapaz de afrontar a realidade da atención primaria e, en xeral, de todo o sistema”.
Torrado subliñou que “o problema” ten que ver coa “soberbia” dun PP que durante a última década “estivo noutro planeta”. Por iso anuncia como “novidosas, creativas, innovadoras e revolucionarias” medidas que xa foran rexeitadas polos populares, algo que “debería poñer vermello a calquera dirixente da sanidade pública, e en especial, a Rueda”.
O tamén secretario de Sanidade da Executiva Nacional socialista recordou que en 2019 o Goberno galego encargou un informe que se denominou “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde” e que elaborou unha consultora con profesionais “de recoñecido prestixio internacional”. “Fíxose unha análise moi nítida do que necesitaba o sistema público de saúde, especialmente a atención primaria”, recoñeceu.
O parlamentario do PSdeG recordou que, por iso, pouco despois o seu grupo presentou na Cámara autonómica unha proposta de acordo baseada naquel documento. Pero recibiu o voto en contra do PP, que, ademais, meteu o estudo nun caixón. “Hoxe fálase de recuperar ideas que xa estaban alí entón”, apuntou Julio Torrado, que enumerou a continuación todas as contradicións que o Partido Popular foi acumulando nos últimos anos.
Por exemplo, en decembro de 2018, o Grupo Socialista propuxo a recuperación das xerencias de atención primaria, pero o PP votou en contra. Agora anuncia esa proposta “como unha gran medida”. En febreiro de 2019, o Partido Socialista defendeu a incorporación extraordinaria de fisioterapeutas no sistema público de saúde, especialmente na atención primaria. O PP tamén votou en contra. Igual aconteceu coa proposta dos socialistas respecto dos podólogos, en novembro de 2021. O PP tamén a rexeitou.
Xa en 2022, o PSdeG rexistrou unha proposición de lei sobre a atención primaria, que incorporaba a idea de que toda persoa puidese ter acceso a un profesional de atención primaria en 48 horas e falaba da determinación dun número máximo de consultas. “Hai pouco, Rueda anunciábao como gran novidade”, destacou. Torrado salientou que os socialistas propuñan que os centros onde se superaba ese número de consultas diarias fosen prioritarios para a súa reforma e para o reforzo de profesionais. “Daquela, o PP votou en contra, e hoxe preséntao coma unha gran novidade”, insistiu.
Por todo elo, reiterou que ao Partido Popular “sóbralle soberbia e fáltalle humildade”, e que “un Goberno máis dialogante teríanos aforrado anos”. “Chegará o tempo en que o PP presente medidas como a incorporación de técnicos en administración sanitaria ou o establecemento dun sistema de triaxe en primaria, porque nós hai anos que o defendemos e os profesionais deféndeno”, vaticinou.
Torrado lamentou que, mentres, este mesmo verán volverá haber graves problemas nos centros de saúde e nos PAC, ao que uniu casos coma a caída de teitos no hospital de Ourense, a falta de aire acondicionado no de Santiago, a aparición de ratas e serpes nas dependencias de farmacia do Montecelo ou a falta de ambulancia medicalizada no Salnés porque a Xunta, en vez de enviar unha a maiores a Sanxenxo, onde é moi necesaria, decide “roubar” a de Vilagarcía para trasladala alí.
“Estamos nunha situación na que todo parece virse abaixo mentres o PP mira coma se nada, e temos un conselleiro en fóra de xogo que non resolve nada e cando fala só é para facer barullo”, censurou Julio Torrado. “Todas esas medidas entendémolas como unha rectificación do Partido Popular, que, cando rectifica, ás veces acerta. Sen toda esa soberbia, hai tempo que estariamos afrontando os problemas que de verdade ten o sistema sanitario”, concluíu.