O PSOE acusa á Xunta de "deportar nenos chamándolle reagrupación familiar" no seu plan para Ceuta

Galicia votou hoxe a favor dos 25 millóns de euros para a atención da infancia migrante en Ceuta pero a conselleira Fabiola García saíu da Conferencia defendendo unha fórmula que para a deputada socialista Silvia Longueira é inaceptable. "Chámanlle reagrupación familiar, pero o que propón a Xunta é deportar nenos", sinalou. "Reagrupar é resolver cada caso, un por un. Saber a onde vai cada neno e con quen. O que se propón é outra cousa: mandalos de volta en bloque ao país do que saíron. Iso ten outro nome."
A lei marca un procedemento, e non é opcional. Hai que escoitar ao neno, ten que informar a Fiscalía e o retorno ten que ser voluntario e con garantias insistiu a deputada, quen tamén destacou que "mentres non se resolva caso por caso, isto non é unha reagrupación, é un traslado forzado".
Longueira sinalou que a proposta da conselleira de Política Social de que asuma a tutela o Goberno de Marrocos “retrata realmente que son. Se cando non aparece a familia a saída é entregarllos a un Estado, isto nunca foi de familias."
Hai outra cousa que a Xunta non dixo, advertiu a deputada. A conselleira cualificou de insuficientes os 25 millóns e asegurou que Galicia está disposta a acoller, pero non deu unha soa cifra. Nin cantos nenos, nin cando, nin con que recursos. "Insuficiente é doado de dicir", apuntou Longueira. "O difícil é concretar."
Longueira rematou apelando á sociedade galega. "O que lle pedimos á Xunta é que estea á altura da xente á que representa. Unha terra que leva un século vendo marchar aos seus sabe moi ben o que é depender de que che abran a porta."
A Sectorial aprobou os 25 millóns por unanimidade das comunidades presentes. Galicia participou de forma telemática. A reunión tiña un único punto na orde do día e non entrou a falar da atención aos menores. Faltaron Aragón, Estremadura e Castela e León, cuxas consellerías do ramo dirixe, grazas ao PP, a ultradereita de Vox, que xa pediran que constase en acta o seu voto negativo.