O PSOE acusa á Xunta de "expiar as culpas" da xestión sanitaria no Goberno do Estado

Julio Torrado afirma que "o actual Goberno habilitou a convocatoria de máis prazas de MIR de Primaria para Galicia que todos os gobernos do PP xuntos"
cirurxia-medicos
10 Jul 2026

O portavoz de sanidade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, criticou en comisión o intento do PP de atribuír a outros as causas da falta de profesionais en Galicia en especialidades coma a atención primaria ou as urxencias. O deputado do PSdeG lamentou que o obxectivo principal da comparecencia, esta mañá, do director da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde-ACIS, en teoría, para falar de formación sanitaria, fose, pola contra, “expiar as culpas da errática planificación dos últimos 15 anos”.

Torrado destacou que os datos dispoñibles “deixan aos sucesivos gobernos de Feijoo e Rueda como evidentes responsables da situación na que nos atopamos, con falta de profesionais”, sobre todo, en especialidades coma as de medicina de familia e de urxencias. Lembrou, tamén, que o ministerio é o responsable de habilitar o volume de prazas posible e que, de entre esas, a comunidade autónoma decide cantas convocar formalmente.

No caso de medicina de familia e comunitaria, o parlamentario socialista defendeu que “o actual Goberno de España xa habilitou a convocatoria de máis prazas MIR en primaria para Galicia que todos os gobernos do PP xuntos ao longo da historia”. Como exemplo desa política, puxo sobre a mesa as cifras concretas deste ano, con 207 prazas habilitadas para a comunidade autónoma, e lamentou que na primeira semana da convocatoria só se solicitaron 6. “Na última xornada de escolla había 80 libres, e houbo 26 renuncias ao final”, recordou. “Empecen a preguntarse por que sucede isto”, recomendoulle ao Goberno de Rueda.

Lembrou tamén que foi a raíz dunha proposta socialista en 2020 que se impulsou que Galicia convocara todas as prazas posibles de primaria. “Por que? Porque non se facía”, criticou Torrado. “Os gobernos de Feijoo e Rueda deixaron pasar máis de 200 prazas que hoxe serían moi útiles, porque teriamos 200 profesionais máis”, engadiu.

Julio Torrado afirmou que “está ben” felicitármonos por dispoñer da especialidade de urxencias, mais débese lembrar que pasaron máis de 20 anos para que se resolvese ese debate, “e o PP tivo enriba da mesa esa proposta cando estaba no Goberno de España e non fixo nada. Nada”, salientou.

O portavoz socialista de Sanidade referiuse, ademais, a outras causas da actual situación. Por exemplo, que Galicia ten “as peores condicións para os MIR”. De feito, “son os peor pagados de España”, remarcou. E en canto aos titores e titoras, criticou que, “especialmente en medicina de familia, fano por amor á arte, porque as condicións que lles ofrece o Goberno galego son insoportables”.

Por outra banda, “falan de que queren formar máis, pero iso supón flexibilizar as condicións”, apuntou para advertir que iso non se pode traducir en “baixar o listón da calidade”. Por iso, reclamou que o Goberno galego explique como quere facelo.

0.3884711265564