O PSOE acusa á Xunta de reducir as axudas para a contratación de mulleres

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou hoxe de que a Xunta reduciu as axudas para contratación de mulleres por conta allea de 7 a 2,5 millóns de euros nos Orzamentos deste ano. Así o dixo na comparecencia do secretario xeral de Emprego na Comisión de Emprego do Parlamento para dar conta do programa de incentivos á contratación da Xunta.
A responsable socialista criticou que a prioridade política da Xunta “desaparece” cando as políticas de igualdade requiren de recursos importantes por moito que as mulleres cobren de media 4.300 euros menos ao ano que os homes. Considera “incomprensible” que reduzan os incentivos á contratación de mulleres -así como as axudas á contratación en profesións masculinizadas- cando se esgotaron, o que demostra que hai demanda e unha necesidade social evidente.
Advirte que “os problemas estruturais das mulleres no mercado laboral galego non desapareceron”, cando seguen soportando unha fenda salarial do 15,7 por cento e cando seguen padecendo maior precariedade laboral, xa que case unha de cada catro mulleres traballa a tempo parcial, fronte ao 6 por cento dos homes. Ademais, engadiu que o 91 por cento da parcialidade laboral vencellada aos coidados segue recaendo sobre elas.
Dacosta esixiu políticas de igualdade reais porque a fenda laboral “constrúese ao longo de toda a vida laboral”, comezando nos salarios máis baixos, continuando coa parcialidade, a continuación as excedencias e interrupcións por coidados e conclúe con pensións máis baixas. Criticou que teñan reducido as políticas de igualdade cando as liñas funcionaban, existía demanda e os problemas persisten.
Dacosta afeoulle ao secretario xeral o “fracaso” das políticas de emprego do goberno galego, que ten como dubidoso mérito que Galicia creara a metade de postos de traballo que o resto do Estado durante o último ano “cos mesmos fondos” que tiveron tódalas comunidades autónomas. Advertiu que Galicia ten unha das taxas de actividade máis baixas do Estado, cun 53,1 por cento, “claramente inferior á media estatal”.
Ademais, sinalou que máis de 38.000 galegos e galegas levan máis dun ano buscando emprego, e as mulleres e a precariedade laboral cébase especialmente coas mulleres e a mocidade, que prefire marchar de Galicia na busca de saídas laborais estables que permitan proxectos de vida dignos.
Criticou a falla de resposta do goberno galego, que con este panorama deixou sen executar o 40 por cento do orzamento do programa de fomento da empregabilidade e o 46 por cendo do de fomento da empregabilidade. Esixiulle ao goberno galego políticas efectivas de emprego porque Galicia “necesita máis e mellor emprego, máis estable, máis digno, máis igualitario e con máis oportunidades reais para que a xente poida quedar aquí”.