O PSOE acusa ao PP de mentir para xustificar o seu plan para condicionar as baixas

“Non sei que fai un Goberno que necesita mentir para xustificarse”. Julio Torrado sinalou hoxe as falsidades da Xunta respecto do seu plan de “intervir e condicionar as decisións dos profesionais sanitarios con respecto ás baixas laborais”. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego dixo que no medio das declaracións “caóticas” do Goberno de Rueda, o que si é manifesto é súa intención de “condicionar unha decisión clínica en base a un criterio economicista”, algo que cualificou de “ruborizante”.
“Con asombro observamos como persoas teñen que agardar 20 días para unha cita co médico de familia e iso non foi problema para o PP ata o de agora, pero o Goberno galego anuncia que hai un problema porque se tarda moito en dar de alta aos traballadores”, dixo Torrado, que lamentou que “agora si recoñece que hai un problema no sistema sanitario”.
O deputado do PSdeG advertiu que o Executivo de Rueda está comezando a utilizar “argucias feas” para impoñer o seu criterio. Entre elas, chegar a dicir que o obxectivo non é cortar as baixas, “cando o que se está incentivando é que se dean altas antes”, e pretende facerse “pagando aos profesionais para que tomen unha decisión clínica determinada”. “Iso é aberrante”, denunciou.
Julio Torrado defendeu que “hai que saír ao paso cando un Goberno utiliza a mentira con tanta cara como o fai este”. Nese punto, sinalou a falsidade dos dous argumentos que ofreceu a Xunta do PP para xustificarse.
O primeiro, que o Instituto Nacional da Seguridade Social xa o fai así. “Isto é literalmente mentira”, asegurou Torrado, que explicou que o que fai o INSS é “financiar para que os profesionais poidan atender antes, para que as probas que teñen que ver coa avaliación dos traballadores se poidan facer antes, pero nunca, en ningún caso, se condiciona a decisión clínica”.
O outro, que os incentivos para a axilización de baixas xa figuraban nos obxectivos marcados para o ano pasado. “É directamente mentira”, afirmou o parlamentario socialista mentres amosaba o documento oficial no que se recollían eses obxectivos para o 2025, no que “non hai nin un só obxectivo que fale de incentivar con respecto á avaliación das incapacidades temporais”.
Julio Torrado compareceu na compaña do eurodeputado socialista Nicolás González Casares, que cualificou de “insulto á clase traballadora” o plan do Goberno de Rueda. Casares advertiu dun “posible incumprimento da directiva marco de seguridade e saúde no traballo” por parte da Xunta con ese “incentivo perverso” e sinalou que se está “se non burlando, rozando os límites da Carta de Dereitos Fundamentais da UE”.
Para o eurodeputado, existe un conflito “moi claro” entre a protección da seguridade e a saúde no traballo, que recolle a antedita directiva marco, e a “presión” sobre os facultativos, “que esa directiva di claramente que se debe evitar”.
González Casares explicou que o Europarlamento está a tratar neste momento a inclusión do estrés laboral e o burnout como enfermidades que se teñan en conta para a elaboración dunha lei de emprego de calidade “que se vai presentar a final deste ano por parte da Comisión”. Por iso, sinalou que a Xunta “está burlando normas que xa existen e normas que se van presentar proximamente”.
“Ante isto, non imos permanecer calados. Faremos unha pregunta parlamentaria sobre o que está facendo a Xunta respecto dos dereitos fundamentais e da directiva marco de saúde no traballo, porque non é tolerable xogar co benestar das persoas”, adiantou.
Transferencia da AP-9
Ao remate da comparecencia, e a preguntas dos medios, Julio Torrado referiuse á transferencia da Autoestrada do Atlántico a Galicia, que se está a tramitar no Congreso. “Sempre que existiu a posibilidade de avanzar nalgún dos obxectivos respecto da AP-9, o PP estivo en contra”, recordou, e defendeu que todos os avances respecto da transferencia, da titularidade e da gratuidade “teñen o selo do Partido Socialista”.
A posición do Partido Popular en contra do acordo parlamentario para o traspaso da infraestrutura é, para o deputado do PSdeG, “unha evidencia da careta do PP”.
“Estamos á espera da resolución do proceso sobre a titularidade, e desexamos que sexa pública, e, o máis importante para a cidadanía, seguimos defendendo o gran obxectivo da gratuidade, que vai camiño de conseguirse. Por agora, a través de bonificacións que implantou o Goberno do Estado sen o voto nin de BNG nin de PP”, explicou.
“Nos estamos en cada avance. Que fixo o Partido Popular? O de sempre: falar moito, mentir máis e incumprir sempre”, concluíu Julio Torrado.