O PSOE anuncia un recurso ante a Comisión de Transparencia polo contratos a dedo na contorna de Feijóo

Patricia Iglesias, portavoz do PSdeG-PSOE de Transparencia e Bo Goberno, anunciou este luns que os socialistas galegos presentarán nos próximos días un recurso ante a Comisión Galega de Transparencia para esixir o acceso aos expedientes dos contratos adxudicados a dedo ao despacho Equipo Económico por parte da Xunta. E foi clara sobre o que vén despois: se a Comisión non resolve a favor da entrega, o PSdeG acudirá á xurisdición contencioso-administrativa.
"Levamos seis peticións de expedientes. Seis. E seguimos sen teren ningún deles. Iso non é un descuido administrativo, apunta máis a unha negativa consciente a deixarnos facer o noso traballo como oposición", afirmou Iglesias.
Os contratos en cuestión son 13 adxudicacións menores ao despacho Equipo Económico por un importe que supera os 172.000 euros. O despacho ten vínculos co exministro Cristóbal Montoro, actualmente investigado xunto a toda a cúpula do Ministerio de Facenda por organización criminal, cohecho e tráfico de influencias.
O recurso do Grupo Parlamentario Socialista chega nun momento en que os datos sobre a contratación pública galega por parte da Xunta do PP acumulan un perfil preocupante. Segundo a información dispoñible na Plataforma de Contratos da Xunta, “dispoñible pero difícil de atopar”, a empresa Eulen, onde traballa a irmán de Feijóo, formalizou con distintos entes do Goberno galego 1.579 contratos menores desde 2018, por un importe total de 7,2 millóns de euros.
Por certo, o 88,5% desas adxudicacións realizáronse mediante contratación menor, o que Iglesias describiu como "o dediño máxico da decisión discrecional": quen decide non é o persoal funcionario, senón a vontade política.
"Non estamos ante casos illados. Estamos ante un modus operandi. Anos de contratación a dedo, falta de transparencia e resistencia sistemática ao control. E mentres tanto, o Consello de Contas segue advertindo ano tras ano dos mesmos problemas, sen que o PP faga caso".
A comisión de investigación, pechada sen conclusións
Iglesias lembrou que o Partido Popular decidiu pechar en falso a comisión de investigación parlamentaria sobre as irregularidades da contratación pública durante a pandemia, sen extraer ningunha lección, sen formular nin unha soa proposta de reforma para reforzar a transparencia ou limitar o abuso dos contratos a dedo.
"Feijóo pide desde Madrid que o tomen en serio como alternativa de goberno. Pero o balance da súa etapa na Xunta inclúe 172.000 euros pagados a unha trama investigada por corrupción, case nove millóns en contratos menores á súa irmán e uns expedientes que o seu partido segue negándose a entregar. Que ten que ocultar a Xunta?"
Os socialistas galegos reclaman tres medidas: acceso inmediato e íntegro aos expedientes dos contratos a dedo a Equipo Económico; aplicación das recomendacións do Consello de Contas en materia de transparencia e contratación pública; e un Plan Galego de Rexeneración Democrática que inclúa xestión dos conflitos de interese, máis control dos contratos menores e fin do trato de favor a empresas do entorno persoal e familiar de cargos do PPdeG.
"A Xunta non pertence ao Partido Popular. Pertence aos galegos e ás galegas. E nós non imos parar ata que iso quede claro tamén na xustiza, se é preciso".