O PSOE comprométese a destinar o 1 % do PIB á vivenda social e defende intervir no mercado

A cabeza de lista do PSdeG ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, defendeu o compromiso socialista de destinar o 1 % do PIB á vivenda social e manter a intervención pública no mercado para frear a especulación e facilitar o acceso a un fogar. Nunha comparecencia ante os medios en Lugo, acompañada polos candidatos ao Congreso Jorge Bustos e ao Senado César Mogo, advertiu de que as eleccións do 29N tamén decidirán o modelo de política de vivenda para os próximos anos.
"O 29N imos ter que decidir se entendemos a vivenda como un dereito ou como un negocio", afirmou Otero, que alertou das dificultades que teñen mesmo as persoas con traballo para pagar un alugueiro ou mercar unha casa. A candidata reprochou ao PP que o seu programa electoral nin sequera recoñeza a vivenda como un dereito e apostou por ampliar o parque público e construír máis inmobles protexidos a prezos asumibles para as familias.
Pola súa banda, Jorge Bustos puxo como exemplo a xestión do anterior goberno municipal socialista en Lugo, especialmente polo plan de vivenda e as actuacións de rehabilitación na Milagrosa. O candidato destacou a mobilización de vivendas baleiras como un dos piares do programa socialista e reivindicou as axudas estatais para recuperar inmobles deteriorados e devolvelos ao mercado. Fronte a iso, criticou que Feijóo estivese trece anos á fronte da Xunta sen impulsar vivenda pública na cidade e advertiu de que o PP pretende derrogar a Lei de Vivenda do Goberno de Pedro Sánchez e eliminar os mecanismos de control dos prezos do alugueiro.
O candidato ao Senado, César Mogo, cuestionou tamén o anuncio de Feijóo de construír un millón de vivendas, ao considerar que non concretou cantas se comprometería realmente a impulsar. Mogo acusou o PP de concorrer ás eleccións sen un compromiso claro de construción de vivenda pública ou privada e sen propostas de regulación. Ademais, defendeu a cooperación coas comunidades autónomas, que teñen competencias nesta materia, e lembrou que PP e Vox votaron en contra de medidas socialistas para evitar desafiuzamentos. Por iso, pediu o apoio nas urnas para que o PSOE obteña no Congreso unha "maioría reforzada" que lle permita intervir con máis eficacia no mercado da vivenda.
ENCONTRO MOZO
As dificultades para acceder a unha vivenda, mesmo tendo emprego, e o custo de estudar fóra do domicilio familiar centraron o Encontro Mozo, un café organizado polas Xuventudes Socialistas de Lugo. Patricia Otero, Jorge Bustos, Eva Blanco e Ismael Carcedo, integrantes da candidatura do PSdeG ao Congreso pola provincia, e César Mogo, candidato ao Senado, participaron na xuntanza e comprometéronse a defender nas Cortes as demandas trasladadas pola mocidade.
Otero reivindicou os avances no emprego xuvenil durante os gobernos de Pedro Sánchez e lembrou que a taxa de paro entre os menores de 25 anos en España pasou do 34,7% no segundo trimestre de 2018 ao 24,5% no primeiro trimestre de 2026. Porén, advertiu de que o prezo da vivenda continúa a dificultar a emancipación mesmo entre quen xa ten traballo. "A mocidade lucense está moi preparada e ten ganas de facer a súa vida aquí. Desde os gobernos temos que axudala a dar ese paso", afirmou.
Pola súa banda, César Mogo destacou que o Plan Estatal de Vivenda prevé axudas de ata 300 euros mensuais para o alugueiro e de ata 15.000 euros para que a mocidade poida mercar ou construír a súa primeira vivenda en concellos pequenos. "O 29N pido o voto para o PSOE para que a mocidade siga contando con estas axudas", sinalou. O candidato ao Senado lembrou a supresión da renda básica de emancipación durante o Goberno de Mariano Rajoy e advertiu de que un Executivo de PP e Vox podería poñer en risco a continuidade dos apoios.
Jorge Bustos defendeu o acceso a vivendas a prezos asumibles para quen comeza a traballar e reclamou "un mellor soldo e menos horas de traballo". O candidato cuestionou os discursos da meritocracia que prometen recompensar o esforzo da mocidade se traballa máis ca o resto e rexeitou que se utilice a expresión "xeración de cristal" para descualificala. "Son unha xeración moi preparada e que domina as novas tecnoloxías", afirmou, aínda que advertiu de que a moitas persoas novas "non lles dá nin para alugar unha vivenda".
Eva Blanco centrou a súa intervención nas oportunidades educativas e nas dificultades económicas que afronta o alumnado que precisa desprazarse para estudar. A candidata reivindicou as medidas do Goberno de Sánchez para garantir que a elección dos estudos non dependa da renda familiar nin do concello de residencia. Entre elas, destacou a bolsa estatal de residencia de 2.700 euros para estudantes de bacharelato e FP que teñan que vivir fóra da casa. "Este apoio é fundamental para a mocidade lucense que ten que desprazarse porque os estudos que quere cursar non se imparten na súa vila", explicou.
Ao remate do encontro, os candidatos chamaron a mobilizar o voto socialista o 29N para revalidar o Goberno de Pedro Sánchez e conseguir o segundo escano do PSOE por Lugo. "Con Jorge Bustos no Congreso, Lugo terá máis voz para defender en Madrid as oportunidades que precisa a mocidade para estudar, traballar e establecer a súa vida na nosa provincia", concluíron.