O PSOE considera un "acto de xustiza" a declaración da Illa San Simón lugar de memoria

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, saudou hoxe a declaración das illas de San Simón e de Santo Antón como Lugares de Memoria Democrática, no que supón un “acto de xustiza coas vítimas, coas súas familias, coa historia e con toda Galicia”. Así o dixo logo da publicación no BOE deste recoñecemento ao amparo da Lei de Memoria Democrática de 2022, co que “Rueda xa non se poderá seguir poñendo de perfil”.
Castro apunta que estes espazos adquiren dende hoxe o recoñecemento pleno como “espazos de dor e de resistencia democrática”, que as consolidan como “exemplo da reparación moral das vítimas e dos principios de xustiza e de verdade”. Apuntou que “hoxe gañan as vítimas e as súas familias, os investigadores que reconstruíron a historia do lugar e as asociacións memorialistas que durante anos mantiveron vivas as homenaxes”.
Reivindicou o papel do movemento memorialista galego e do goberno de España presidido por Pedro Sánchez, que apostou por converter a memoria democrática nunha política pública de Estado. Castro lembrou que os socialistas galegos levan anos acompañando ás reivindicacións sociais, trasladando ao Parlamento a necesidade de recuperar a memoria da illa, reclamando a colaboración da Xunta e denunciando os intentos de desvinculala do seu pasado represivo.
Apuntou que “a partir de agora Rueda e a Xunta xa non se poderán seguir poñendo de perfil”, como fixo dende a chegada de Feijóo ao goberno en 2009 para abandonar as políticas de Memoria e converter San Simón nunha “Illa do Pensamento”. Así foi como a definiron para substituír a exposición vencellada á historia que o goberno de Touriño organizara en San Simón por festivais, actividades recreativas e outras propostas explotadas por empresas privadas.
Castro lembra que aquel xiro culminou en xaneiro de 2025, cando un deputado o PP chegou a afirmar no Parlamento de Galicia que “non hai constancia” documental de mortes na illa durante o seu funcionamento como prisión franquista. Apunta que a declaración como Lugar de Memoria deixa constancia da realidade de que entre 1936 e 1943 a illa albergou a máis de 5.600 presos rexistrou máis de 517 falecementos, ademais das mortes por “paseos” e fusilamentos.
Salienta que a Xunta ten a oportunidade de seguir vendo á memoria democrática “como unha molestia” ou “asumir que defender a verdade, reparar ás vítimas e ensinar o que aconteceu non é unha cuestión partidaria, senón que é unha obriga democrática”. Empraza á Xunta a “actuar con responsabilidade” porque a declaración obriga a preservar, explicar e sinalizar adecuadamente o lugar e garantir que os seus usos sexan compatibles coa memoria e coa dignidade das vítimas.
Apunta finalmente que “a mellor resposta fronte ao negacionismo non é esquecer: É garantir que nunca máis unha institución democrática poida pretender desvincular San Simón da historia daqueles que alí sufriron por defender a liberdade”.