O PSOE considera un fracaso o polo de Rozas e pon en cuestión a industria de defensa da Xunta

Patricia Iglesias responsabiliza ao goberno galego do “soterramento” de 150 millóns de euros no proxecto de Castro de Rei logo da fuga de Airbus
polo-aeroespacial-rozas-reunion
11 Jun 2026

A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu hoxe que a estratexia de industria de defensa da Xunta “carece de calquera credibilidade mentres siga arrastrando o fracaso do polo das Rozas logo da fuga de Airbus”. Iglesias interveu na comparecencia da directora xeral de Estratexia Industrial da Xunta no Parlamento para lembrarlle que o goberno galego “soterrou” 150 millóns de euros de diñeiro público naquel proxecto malogrado.

A responsable socialista sinalou que o “gran proxecto” aeroespacial do goberno galego “está sumido no fracaso e na inactividade” polo fracaso de xestión do goberno galego, que iniciou o proxecto con case 30 millóns de euros da Axencia Galga de innovación, puxo 10 millóns de euros máis para o Centro de investigación Aerotransportada e outros 115 millóns dos programas de I+D.

Resumiu que mentres a Xunta anunciaba 400 empregos directos para 2026, a realidade da marcha de Airbus en maio de 2024 “pulverizou o seu relato” e deu “testemuña definitiva do fracaso do Goberno galego do PP”. Hoxe, remachou, “o polo de Rozas só serve para acumular promesas incumpridas e nula actividade industrial”, e criticou que pidan agora “reorientar” Rozas para o sector da seguridade e da defensa, cando “carecen dunha estratexia seria e solvente”.

Iglesias acusou á Xunta de “vivir nunha realidade paralela de powerpoints e propaganda” e esixiu “transparencia absoluta” sobre as xestións do goberno galego con informes trimestrais “sobre cada euro público e cada emprego real creados en Rozas”. Criticou que incrementen ano a ano o orzamento “nun proxecto sen empresas nin resultados”, amosando unha “neglixencia que lastra as nosas potencialidades en defensa e tecnoloxía dron”.

Defendeu un papel activo de Galicia como “país clave cun peso industrial innegable en ciberseguridade e tecnoloxía de uso dual”, e puxo como exemplo Navantia e o xestión do goberno de España na industria de defensa, a industria de uso dual e ciberseguridade. Apuntou que o pulo da industria de defensa en seguridade en Galicia despunta grazas ao apoio do goberno de España e o Fondo Europeo de Defensa nos últimos sete anos, co “maior investimento xamais visto”.

Defendeu a seguridade entendida “como un ben público europeo, non como militarismo”, dirixido a “protexer as nosas liberdades fronte a ameazas reais coma os ciberataques e a desinformación”. Situouse así a favor dos investimentos reais, a diplomacia internacional, o respecto á ONU e o reforzo da defensa disuasoria europea, sen caer no “belicismo rancio” dun Feijóo “desnortado, sen rumbo e da man de matóns de colexio e autócratas responsables de xenocidios vergoñentos”.

A parlamentaria socialista rematou sinalando que “fronte ao PP que xestiona mal e ao BNG que quere condenarnos á irrelevancia internacional, defendemos que Galicia ten que estar no centro do taboleiro e aproveitar as oportunidades”.

0.41669106483459