O PSOE culpa ao Goberno galego da falta de melloras en Sanidade

Criticou que os “platos rotos” acabe pagándoos nesta ocasión o xa ex xerente do Sergas, José Ramón Parada
Julio-Torrado-Tiro-Libre
2 Jun 2026

O portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, defendeu hoxe no pleno do Parlamento o apoio do seu grupo á moción do BNG sobre Atención Primaria, nun debate que retoma o fío da interpelación e a moción que os propios socialistas presentaron hai menos dun mes. “Votaremos a favor”, anunciou, aínda que advertiu de que dende a perspectiva socialista o texto se quedaba curto nalgunhas cuestións.

Torrado centrou boa parte da súa intervención en denunciar a actitude da Consellería ante calquera análise crítica. Segundo resumiu, o Goberno galego ven funcionando con tres premisas: que o Consello de Contas “non é Deus”, que todo o que non sexa loar á Consellería “é mentira” e que os datos só valen se son os que lle interesan. “Basicamente, ou me aplaudes ou es un alarmista que está en contra do país. Ese é o debate que temos aquí en Sanidade”, lamentou.

O deputado socialista puxo o foco nos problemas estruturais da Primaria que, ao seu xuízo, o Goberno se nega a abordar. Reclamou equipos verdadeiramente multidisciplinares, cun maior número e variedade de profesionais, e que este nivel asistencial pase a ser un elemento nuclear do sistema sanitario. “Seguimos funcionando cun modelo anquilosado, de medicina e enfermería e punto. Así non imos resolver nada”, asegurou.

Torrado tamén cuestionou que a Xunta presente como “unha revolución” o anúncio dunha comisión de estudo que elaborará un novo plan. “É a mesma fórmula de 2022, de 2019, de 2017 ou de 2012. Cada tres ou catro anos volvese crear unha comisión, estudar o asunto e presentar un plan, e ao día seguinte todo segue igual”, ironizou.

O voceiro socialista insistiu na pregunta de fondo que, sostén, o Goberno evita responder: por que a Primaria é das últimas especialidades que escollen os profesionais no proceso MIR, e por que Galicia está ano tras ano entre os territorios onde máis tarde se cobren esas prazas. “Se non temos a valentía de afrontar ese problema de prestixio e de dotación de medios, non seremos capaces de afrontar nada”, advertiu.

Torrado acusou ademais ao Goberno de Rueda de refuxiarse nunha permanente “guerra de culpables”, sinalando á cidadanía por usar mal a sanidade, ao Goberno central, aos médicos polas baixas ou á propia oposición por trasladar os problemas aos debates. Tamén criticou que os “platos rotos” acabe pagándoos nesta ocasión o xa ex xerente do Sergas, José Ramón Parada, nunha dinámica que comparou coa de “Jesús Gil botando adestradores”. “O problema non eran os adestradores”, apuntou.

Para pechar, o deputado recorreu a unha cita da película de póker Rounders: “Se levas media hora xogando unha partida e non descubriches quién é o xogador frouxo, é que o xogador frouxo es ti”. “Vostedes levan 17 anos buscando culpables e a sanidade non mellora. A ver se vai ser que os responsables son vostedes”, concluíu.

0.33121395111084