O PSOE de Ourense condena os ataques contra un veciño dos Peares, por participar nun vídeo socialista

Denuncian a aparición de pasquíns coa súa fotografía por distintos puntos da localidade e consideran intolerables os intentos de sinalamento e intimidación persoal
video-os-peares
28 Nov 2026

O PSdeG-PSOE de Ourense expresou o seu apoio e solidariedade a Paco González, veciño dos Peares, que está a sufrir unha campaña de ataques persoais por participar nun vídeo de fin de campaña do PSOE ourensán.

A formación socialista considera inconcibible que, no ano 2026, unha persoa teña que soportar este tipo de sinalamentos públicos por exercer libremente o seu dereito a expresar as súas ideas e participar nunha iniciativa política. A aparición de pasquíns coa súa fotografía en distintos puntos do pobo constitúe, ao seu xuízo, un episodio moi preocupante que traspasa todos os límites do respecto e da convivencia democrática.

Neste sentido, os socialistas explican que se trata dunha fotografía manipulada na que aparece xunto a Alberto Núñez Feijóo, durante un acto no que tamén participaban outras persoas e no que Paco González actuaba en representación dunha asociación veciñal que presidiu durante anos.

O PSdeG-PSOE subliña que ninguén debería ter que pagar un prezo persoal por participar nun vídeo, apoiar unha candidatura ou expresar publicamente as súas conviccións políticas. A liberdade de expresión e a participación política son dereitos fundamentais que deben respectarse sempre, independentemente da ideoloxía de cada persoa.

A formación rexeita rotundamente este tipo de comportamentos, que buscan intimidar, sinalar e converter unha persoa nun obxectivo polo simple feito de participar nunha acción política. Os socialistas lembran que non todo vale na política e consideran especialmente graves a persecución persoal, a exposición pública e os intentos de amedrentar os veciños e veciñas.

Por último, trasladan todo o seu afecto e apoio a Paco González e á súa contorna, ao tempo que reivindican o dereito de calquera cidadán a participar libremente na vida pública sen medo a represalias, insultos ou sinalamentos. A formación destaca que a democracia consiste en poder pensar diferente, expresar as propias ideas con liberdade e convivir desde o respecto. Así, considera que quen pretende intimidar unha persoa por exercer esa liberdade está a atacar non só a esa persoa, senón tamén os principios básicos da convivencia democrática.

0.82108998298645