O PSOE denuncia unha resposta insuficiente da Administración ante o brote de sarna repetido na residencia de Monforte

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, reprochoulle este martes ao conselleiro de Sanidade restarlle importancia ao brote de sarna rexistrado na residencia de maiores de Monforte de Lemos, ao considerar que con esa actitude se estarían priorizando os intereses da empresa concesionaria e o propio modelo de xestión das residencias fronte á saúde das persoas usuarias. A dirixente socialista formalizou unha pregunta oral para que o goberno galego se pronuncie sobre o que cualificou como un problema sanitario recorrente e cronificado neste centro, que ata o momento afectou a máis dunha vintena de persoas.
Méndez puxo o foco no que ao seu xuízo é unha diferenza de trato por parte do Executivo autonómico, que restaría gravidade a este brote malia que na mesma residencia xa se producisen situacións semellantes nos anos 2022 e 2025, esta última cun falecemento. A representante socialista comparou esta actitude coa reclamación formulada no seu día polo propio goberno galego para confinar Ceuta ante a chegada de persoas migrantes, subliñando o que entende como unha falta de coherencia na valoración dos riscos sanitarios.
Segundo Méndez, a Xunta non estaría a realizar o seguimento que lle correspondería sobre este tipo de centros, nun contexto de relaxación dos controis sobre as residencias de titularidade privada. Ao seu entender, esta pasividade respondería a unha relación de dependencia mutua entre a Administración autonómica e a empresa concesionaria, que manteria á primeira nunha posición de suxeición fronte á segunda.
A dirixente socialista denunciou ademais unha situación límite nestas residencias, onde non se cumprirían as ratios esixibles entre o número de residentes e o persoal contratado. Esta circunstancia obrigaría aos traballadores a afrontar condicións laborais que Méndez definiu como insostibles, con plantillas reducidas e profesionais sobrecargados e esgotados, o que ao seu xuízo dificultaría o cumprimento dos protocolos sanitarios nos prazos que estes esixen.
Por todo isto, Lara Méndez esixiu ao conselleiro de Sanidade que ofreza información detallada sobre o número de casos confirmados, os protocolos sanitarios activados, as condicións laborais do persoal do centro, así como as inspeccións que se levasen a cabo e as conclusións acadadas para dar solución a esta situación.