O PSOE di que a oferta en formación pesqueira no garante a remuda xeracional

Carlos López Font alerta do fracaso da oferta formativa do goberno galego e reclama unha formación adaptada á realidade operativa da flota, máis flexible e con máis contidos tecnolóxicos e de xestión empresarial
Pescadores-faenando-celeiro
9 Jun 2026

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Carlos López Font, advertiu hoxe que a oferta de formación náutico – pesqueira por parte do goberno galego está a fracasar no desafío de garantir a remuda xeracional no sector. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro na Comisión de Pesca do Parlamento, na que reclamou actualizar a oferta formativa por parte do goberno galego.

López Font emprazou a mellorar o recrutamento de alumnos, mellorar a oferta formativa, incorporar as novas realidades tecnolóxicas e incrementar a actividade formativa a bordo. Comezou por reclamar máis contidos tecnolóxicos e de xestión empresarial, ademais dunha política de captación do alumnado máis activa con tódolos medios actuais, incluíndo as redes sociais, para unha profesión que resulta pouco atractiva para a mocidade.

Advertiu que a oferta formativa está desconectada coa realidade dalgunhas flotas, polo que cumpre unha formación máis flexible e modular adaptada ás diferentes realidades produtivas e territoriais. Ademais, sinalou que a remuda xeracional esixe capacitar tamén a futuros armadores, xestores de confrarías e emprendedores, con aspectos como a xestión económica, o liderado de tripulacións, comercialización innovación e internacionalización.

En definitiva, resumiu que o goberno galego debe dar resposta política ás demandas do conxunto do sector, porque “a remuda xeracional non está a dar os resultados desexados e a formación náutico – pesqueira non está a contribuír a solucionar o problema”.

0.2809009552002