O PSOE e o BNG cuestionan se a Xunta creou unha praza a medida da concelleira non adscrita de Lugo

O Grupo Municipal do PSOE e o do BNG en Lugo fixeron público este martes 21 de abril un comunicado conxunto tras a publicación dunha praza en comisión de servizo na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. A vacante, correspondente á Xefatura do Servizo do Litoral en Lugo, conta cun prazo de inscrición aberto ata o 27 de abril, o que levou ás agrupacións locais de ambas formacións a trasladar unha serie de consideracións á opinión pública.
PSOE e BNG instan á Xunta de Galicia a aclarar se esta convocatoria pode gardar relación coa situación política actual no Concello de Lugo, marcada pola posibilidade dunha moción de censura impulsada polo Partido Popular. As dúas organizacións sinalan que resulta chamativo que o perfil formativo e profesional esixido para o posto coincida de maneira significativa co currículo dunha edila tránsfuga.
Neste contexto, ambas formacións expoñen publicamente se a concelleira María Reigosa ten previsto presentarse a esta praza, unha cuestión que consideran lexítima e que, ao seu xuízo, require unha resposta clara para evitar especulacións.
O comunicado subliña tamén a necesidade de garantir a máxima transparencia nos procesos de provisión de postos públicos, especialmente en momentos de especial sensibilidade política, co obxectivo de preservar a confianza da cidadanía nas institucións. Así mesmo, advirten de que, no caso de confirmarse algún tipo de vinculación entre esta convocatoria e movementos políticos no Concello, estaríase ante unha situación de extrema gravidade que podería ser interpretada pola cidadanía como unha práctica allea aos principios éticos e democráticos.
PSOE e BNG reiteran o seu compromiso coa defensa da democracia, da ética pública e do respecto á vontade da veciñanza, e apelan á responsabilidade das institucións implicadas para ofrecer explicacións claras e garantir que todas as actuacións se desenvolven con absoluto respecto aos principios de legalidade, transparencia e interese xeral.
Finalmente, ambas formacións aseguran que permanecerán vixiantes ante a evolución deste asunto e avanzan que valoran a posibilidade de iniciar accións legais ante o que podería constituír un delito de carácter penal e un golpe á democracia.
PSdeG
Esta situación tamén foi denunciada pola viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, que alertou da convocatoria dunha praza pública da Xunta que, ao seu xuízo, “parece feita á medida” dunha concelleira tránsfuga en Lugo. Durante a súa intervención no Pleno celebrado esta tarde, advertiu de que “se se demostra, non é política: é corrupción”.
A responsable socialista referiuse así á publicación dunha convocatoria en comisión de servizos na Xefatura Territorial de Costas de Lugo, de nivel 25, que —segundo indicou— “encaixa milimetricamente” co perfil da edil implicada. Isto, engadiu, implicaría que “deixa de ser unha convocatoria pública para converterse nun pago político”.
Méndez criticou con dureza o que cualificou de “indecencia” por parte do Partido Popular ao promover “sen disimulo nin escrúpulos” unha moción de censura en Lugo, aproveitando o falecemento de tres concelleiros socialistas no último ano. Ao seu entender, a situación “non vai de política, senón de ata onde están dispostos a chegar”, denunciando un “espectáculo lamentable” baseado no “mercadeo en directo” coa “compra e venda dunha tránsfuga”.
Neste contexto, incidiu na “extrema gravidade” de que se estean a empregar institucións públicas para “comprar vontades”. Finalmente, reivindicou que “Lugo é unha cidade de xente honesta” e advertiu de que quen pretenda alterar o mandato cidadán mediante “manobras escuras” non será ben recibido. Así, asegurou que o PSdeG non o permitirá “por Lugo, por Paula, por Pablo e por Olga”, en referencia á alcaldesa e aos edís falecidos no último ano.