O PSOE levará ao Parlamento unha lei "para blindar" a vivenda pública

O secretario xeral do PSdeG reclama orientar o esforzo público cara ao alugueiro, a opción demandada por case sete de cada dez persoas inscritas como solicitantes de vivenda
Besteiro-Pleno-Parlamento-Galego-Xunta-de-Galicia
15 Jun 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe que os socialistas levarán ao Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa para garantir que toda vivenda construída con fondos públicos permaneza de maneira permanente no parque público. “O público non se vende”, afirmou, antes de advertir de que Galicia non pode seguir perdendo vivenda protexida cando hai preto de 34.000 persoas inscritas como demandantes.

Besteiro situou a vivenda como unha das grandes prioridades sociais de Galicia e defendeu que debe converterse no “quinto piar do Estado do benestar”, xunto coa sanidade, a educación, as pensións e a dependencia. “Non falamos dunha mercadoría. Falamos dun dereito”, sinalou.

O líder socialista explicou que garantir ese dereito require políticas públicas “ambiciosas, estables e capaces de aprender dos erros do pasado”. Nese sentido, advertiu de que non chega con construír nova vivenda pública se despois non se asegura que continúe cumprindo a súa función social no futuro.

“Non abonda con construír nova vivenda pública. É imprescindible asegurar que siga cumprindo a súa función social”, afirmou Besteiro, que marcou aí a diferenza entre o modelo do Goberno de Rueda e a proposta socialista.

O PSdeG defenderá unha modificación da lexislación galega para impedir que as vivendas construídas con recursos públicos acaben incorporándose ao mercado privado co paso dos anos. Besteiro lembrou que a normativa actual non garante esa protección permanente, fronte ao que sostén o presidente da Xunta, xa que existen vivendas protexidas que poden pasar ao mercado privado transcorridos 30 anos e, nalgúns supostos, mesmo aos 15.

Para os e as socialistas, esta situación provoca unha perda de patrimonio público precisamente nun momento no que Galicia máis necesita ampliar a súa oferta de vivenda accesible. “Os recursos de todos deben servir para ampliar o patrimonio colectivo de todas as xeracións e non para alimentar procesos especulativos”, subliñou.

Besteiro vinculou esta proposta coa situación actual do parque público galego, que continúa entre os máis reducidos de España tras 17 anos de gobernos do PP. Segundo sinalou, durante este tempo non se construíu nin rehabilitou a vivenda pública necesaria para responder ás novas demandas sociais e, ademais, parte da existente foi abandonando o sistema público.

“O que é público debe seguir sendo público”

O secretario xeral do PSdeG reclamou tamén reorientar a política de vivenda cara á principal demanda da cidadanía. Case o 70 % das persoas inscritas no Rexistro de Demandantes solicitan unha vivenda en alugueiro, o que, segundo Besteiro, obriga a reforzar a oferta pública neste ámbito.

Os socialistas propoñen incrementar o parque público de alugueiro, facilitar o acceso á vivenda da mocidade e das familias traballadoras e dar unha resposta real a unha demanda que xa está claramente identificada polos propios datos oficiais.

Besteiro resumiu a proposta socialista en tres prioridades: recoñecer a vivenda como quinto piar do Estado do benestar, blindar de forma permanente a vivenda construída con fondos públicos e reforzar o alugueiro accesible como resposta á principal demanda social.

“A vivenda non pode seguir sendo un factor de desigualdade. Ten que ser unha garantía de benestar, de seguridade e de futuro”, dixo.

0.39132285118103