O PSOE levará ao pleno unha lei contra a violencia dixital e iniciativas sobre o aborto e a eutanasia

Lara Méndez anunciou que os socialistas non participarán mañá nas comisións do Parlamento para sumarse ás manifestacións da folga xeral
Lara-Méndez-PSOE
10 Nov 2026

A vicevoceira parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez, contrapuxo este martes o retiro do Goberno galego nun hotel, do que non saíu nada novo, coa xente que ten que saír á rúa para reclamar un salario e una vivenda dignos. Na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, Méndez anunciou que o Grupo Parlamentario Socialista non participará este mércores nas comisións do Parlamento de Galicia porque as súas deputadas e deputados estarán nas manifestacións da folga xeral. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participará na mobilización de Vigo e o resto do grupo estará en distintos puntos de Galicia.

"Nunha xornada coma esta debemos estar na rúa, escoitando e acompañando a quen se mobiliza para reclamar vivenda, mellores salarios, condicións de vida dignas e uns servizos públicos fortes", explicou Méndez, que chamou a participar nas mobilizacións "para defender na rúa o mesmo que nós defendemos cada día aquí no Parlamento, que traballar permita vivir con dignidade". E mentres a xente sae á rúa, criticou, o Partido Popular vai "a un retiro ‘espiritual’, a costa de todos os galegos e todas as galegas".

Sobre os temas que o Grupo Socialista levará ao próximo pleno explicou que na sesión de control, Besteiro preguntaralle ao presidente da Xunta se o seu goberno fai o necesario para impulsar a igualdade real e efectiva en Galicia, unha pregunta á que Rueda "terá que responder con feitos e non con evasivas".

A igualdade "tamén se defende na rede", engadiu Méndez. Por iso o grupo levará ao pleno unha proposición de lei contra o acoso e a violencia dixital, que fai fronte á difusión de fotos íntimas sen consentimento, á sextorsión, ao control da parella a través do móbil e ás imaxes sexuais falsas feitas com IA. A lei obriga a Xunta a aprobar en seis meses un plan galego contra a violencia dixital cara ás mulleres e a atender as vítimas sen esixirlles antes unha denuncia.

A viceportavoz lembrou que unha investigación de Maldita.es acaba de revelar que en TikTok circulaban máis de mil vídeos de abusos sexuais a menores, con 48 millóns de visualizacións, e que a plataforma só retirou cinco dos 50 que se lle denunciaron. "A protección das nosas nenas e dos nosos nenos non pode quedar en mans das plataformas", sentenciou.

Os socialistas defenderán tamén unha moción sobre o dereito ao aborto despois de que o conselleiro de Sanidade non aclarase a semana pasada se a Xunta apoia que a interrupción voluntaria do embarazo quede recollida na Constitución. "Agora o Parlamento terá que pronunciarse, e o Partido Popular tamén", dixo Méndez.

Sobre a eutanasia, o grupo levará unha proposición non de lei para mellorar a aplicación da lei en Galicia, onde o ano pasado houbo 44 solicitudes e só 13 chegaron a facerse efectivas. A Xunta segue sen rexistro de obxectores, cun borrador de 2024 que non avanzou, e a información sobre o documento de instrucións previas non chega ben á xente.

Tamén preguntarán polo complemento autonómico das pensións non contributivas, un pago único de 218 euros ao ano, uns 18 ao mes, que reciben preto de 36.500 persoas, na súa maioría mulleres, e que leva anos conxelado. "Iso tamén é Galicia Calidade?", preguntou Méndez. En vivenda, pedirán que a Xunta, que ten a competencia exclusiva, poña unha partida propia e suficiente para as axudas ao alugueiro, que hoxe se financian con fondos do Estado e non chegan para todas as persoas que cumpren os requisitos.

Outra das preguntas será pola estación de autobuses de Vilalba, que leva anos abandonada, co edificio pechado e sen un espazo cuberto onde agardar. A alcaldesa, Marta Rouco, leva desde 2024 pedindo reunións á Dirección Xeral de Mobilidade, pero en abril a Xunta aprobou un plan de 7,7 millóns para 19 estacións e Vilalba quedou fóra. "Vilalba, a capital da Terra Chá e cabeceira de comarca, merece unha estación digna", defendeu Méndez.

Para rematar, os socialistas interpelarán o Goberno galego sobre os fondos europeos para a transformación industrial. Segundo o Consello de Contas, en 2024 a Xunta xestionou máis de 1.000 millóns de euros de fondos europeos e só executou 625, de xeito que case catro de cada dez euros quedaron sen executar. "Detrás de cada euro sen executar hai unha peme, hai un proxecto de innovación, hai unha industria que se queda sen apoio", advertiu a vicevoceira.

Mentres isto pasa, engadiu, o Goberno galego pasou a fin de semana de retiro nun hotel e o único que saíu de alí foi Galicia Industria 360, un plan que xa estaba presentado e recollido nos orzamentos, con catro proxectos piloto, un por provincia, e sen dicir en que concellos nin como se vai aplicar. "Se isto é o que sae despois dunha fin de semana enteira de torbelino de ideas, o que temos é un goberno falto totalmente de ideas", ironizou Méndez, que suxeriu que case sería mellor unha videochamada, "cada un desde a súa casa, que sae máis económico".

A socialista lembrou que a produción industrial galega medra este ano menos da metade que a do resto de España e que grandes proxectos como o de SAIC en Ferrol ou o de Indra nas Pontes chegan "con moito traballo e tamén co esforzo do Goberno de España". "Galicia precisa política industrial de verdade, que se executen os cartos que xa ten o goberno e que cumpra o que anuncia", concluíu.

Na quenda de preguntas, sobre a posibilidade que abriu o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, de pechar o traspaso da AP-9 mesmo co Goberno en funcións, Méndez cre que o ministro "actúa de boa fe", pero que descoñece a falta de compromiso do seu interlocutor. "O señor Rueda non quere o traspaso. O que busca é enredar e atrasar", sostivo.

0.49396586418152