O PSOE pide á Xunta un informe sobre o número de vivendas baleiras en Galicia

Aitor Bouza criticou que o rexistro autonómico de inmobles deshabitados unicamente inclúa 4.000 propiedades, cando os cálculos estatísticos elevan a cifra real ata as 500.000
BETANZOS axuda vivendas
2 Jul 2026

O deputado socialista Aitor Bouza demandoulle hoxe á Xunta en comisión parlamentaria que remita un informe anual completo sobre o censo de vivendas baleiras que hai en Galicia, así como das medidas adoitadas para a mobilización deses inmobles. Bouza defendeu que “non se trata dun capricho”, senón do dereito da cidadanía á transparencia e dunha dunha iniciativa para facilitar propostas de políticas públicas respecto dun problema que ocupa un dos primeiros lugares entre as preocupacións dos galegos e galegas.

En contra do que acontece coa información dispoñible neste momento, “a lei de transparencia da propia Xunta contempla que os datos deben ter un formato para que se poida traballar con eles”, recordou o parlamentario do PSdeG, que insistiu en que a crise habitacional “non se soluciona cunha única medida, senón que hai que desenvolver un plan integral”, e para iso, afirmou, hai que dispoñer de indicadores sobre os que realizar análises.

Bouza lamentou o desleixo dun PP ao que durante anos “non lle importou o máis mínimo cal era a situación da vivenda en Galicia”, e menos aínda cantas estaban baleiras. Un problema que continúa na actualidade cun rexistro no que constan pouco máis de 4.000 fogares deshabitados, a meirande parte deles propiedade de entidades financeiras, mentres o INE eleva o número ata 500.000, unha cifra moito máis próxima aos cálculos que manexa o sector inmobiliario.

“Fixeron vostedes algo para saber cantas vivendas non están rexistradas? Porque de 4.000 a 500.000 hai un treito grande”, ironizou tras criticar o fiasco do programa Fogar Vivo, que a Xunta vendeu como medio para sacar ao mercado propiedades deshabitadas: “Menudo fracaso cando só puideron mobilizar 239”.

Aitor Bouza lamentou o “ridículo espantoso” do Goberno de Rueda en políticas de vivenda, sumando ao anterior as críticas ao plan estatal “para unha semana despois ir correndo a asinalo”, ou o cero por cento de execución no programa orzamentario de acceso á vivenda no primeiro trimestre.

Por outra banda, no transcurso da mesma comisión, Bouza criticou a falta de apoio da Xunta aos concellos no eido do urbanismo, cuns “escasos” tres millóns de euros destinados a axudas para desenvolver planeamento.

O deputado socialista recordou que no exercicio 2025 os Presupostos autonómicos destinaron 20 millóns a planeamento, dos que só se executaron 13, “sen que haxa ningunha explicación”. “Eses 7 millóns sobrantes poderían remitirse a axudas aos concellos, e así, en vez de 3, xa serían 10 millóns”, censurou sobre o que cualificou de “dinámica habitual” no Goberno galego.

0.40413212776184