O PSOE pídelle á Xunta que financie o tratamento de catro nenos que teñen unha enfermidade ultrarrara

O portavoz socialista de sanidade no Parlamento galego, Julio Torrado, solicitoulle hoxe á Xunta que habilite “a fórmula que mellor considere” para financiar un novo tratamento contra o síndrome CTNNB1, un mal ultrarraro que afecta especialmente a nenas e nenos. “É unha enfermidade grave que provoca alteracións neurolóxicas e gran discapacidade, e que deriva nunha situación moi complexa para quen a padecen e para as súas familias”, explicou.
Detallou tamén que na comunidade autónoma hai, na actualidade, catro casos para os que se abre agora “un pequeno raio de luz”, xa que existe un novo tratamento que ofrece resultados “moi esperanzadores”. Por iso, dixo, “non hai que deixar pasar” a oportunidade de atender situacións tan duras.
Torrado lamentou que, ao tratarse dunha enfermidade que afecta a moi poucas persoas, “non está no foco da industria farmacéutica nin da investigación biomédica”, mais aconteceu que un estudo en Eslovenia, “financiado cun millón de euros polo propio Goberno esloveno e con catro recadados polas familias”, deu coma resultado un fármaco para tratalo.
Neste momento, o medicamento está ás portas de ser aprobado pola Axencia Española de Medicamentos para o seu uso, e o tratamento completo, que inclúe hospitalización, vaise centralizar en Barcelona. O custe total “é moi difícil de asumir para as familias”, explicou o deputado do PSdeG, que cifrou ese importe nuns 100.0000 euros.
Julio Torrado recoñeceu que a Administración non ten a obriga de asumir ese custe, “pero iso é modificable, é unha cuestión de vontade”, sinalou. Defendeu que o sistema sanitario debe “levar ao extremo” a súa función de “cubrir as necesidades de toda a poboación para que esta non asuma os custes máis alá dos seus impostos” e instou ao Goberno galego a que o Sergas asuma o gasto “para as catro familias con persoas afectadas”. “Debe estar preparado”, reclamou.
“Instámolo a que utilice a medida excepcional que considere”, insistiu, e explicou que existen mecanismos “perfectamente posibles”, entre os que citou unha simple vía orzamentaria, xa que o Servizo Galego de Saúde conta cun fondo de continxencia ao que pode recorrer para afrontar este tipo de situacións. “Habilitemos o último chanzo para que nenos e nenas que teñen unha enfermidade dificilísima poidan ter o seu tratamento”, concluíu.
SERVIZOS PÚBLICOS
O portavoz socialista de Orzamentos, Julio Torrado, acusou ao PP de utilizar os Orzamentos da Xunta para 2027 para “resolverlle os problemas á xente que non os ten” e esquecer a quen precisa axuda.
Torrado criticou que o Goberno galego priorice o apoio aos propietarios fronte ás persoas que non poden acceder a unha vivenda. Lembrou que hai máis de 37.000 demandantes de vivenda pública, 425.000 persoas á espera dunha cita hospitalaria e milleiros de familias pendentes da resolución da Dependencia.
O socialista tamén cuestionou que, nun momento de crecemento económico, Galicia non consiga equipararse á evolución prevista para o conxunto de España. Criticou que se destinen 1.900 millóns de euros a amortizar débeda, máis recursos que a Política Social.
Ademais, censurou as rebaixas fiscais anunciadas pola Xunta, que considera insuficientes para a maioría das familias. Segundo explicou, unha familia con dous fillos e ingresos de 50.000 euros aforrará uns cinco euros ao mes no IRPF, mentres que as grandes fortunas acumularon beneficios fiscais de 3.000 millóns de euros nos últimos seis anos.
Pola súa banda, a portavoz socialista de Economía, Patricia Iglesias, reclamou “transparencia e resultados comprobables” na xestión dos orzamentos da Secretaría Xeral de Presidencia, que aumentan un 4,1 % para o próximo ano.
Iglesias pediu unha mellor coordinación do Goberno, maior transparencia na contratación pública e unha Administración máis eficaz. Tamén esixiu explicacións sobre o incremento do 6,8 % no gasto de persoal do departamento, que alcanzará os 5,23 millóns de euros.
A socialista reclamou información detallada sobre os 4,1 millóns adicionais destinados á Secretaría Xeral de Medios e sobre o gasto en campañas publicitarias. Advertiu de que a Presidencia debe estar “ao servizo de Galicia” e non da imaxe de Rueda.
Finalmente, pediu aplicar a Estratexia Galega de Contratación Pública, mellorar a accesibilidade da información, detectar posibles abusos nos contratos menores e aumentar a transparencia nas subvencións directas e nas adxudicacións públicas.