O PSOE pon en dúbida as intencións de PP e VOX sobre a lei do aborto se chegan ao goberno

A portavoz socialista de Igualdade, Paloma Castro, defendeu hoxe no pleno do Parlamento galego a inclusión do dereito á interrupción voluntaria do embarazo na Constitución “para blindalo fronte aos ataques recorrentes”. De feito, alertou do que significaría para as mulleres un hipotético goberno formado por PP e Vox. “En serio cren que non derogarían a lei do aborto?”, avisou.
Castro defendeu hoxe unha iniciativa para que a Cámara autonómica se posicione en defensa do dereito á interrupción voluntaria do embarazo e a súa inclusión na Constitución. Segundo dixo, o obxectivo é “blindalo fronte aos ataques recorrentes” dos que ese dereito é obxecto por parte da ultradereita, pero tamén da dereita.
Esa iniciativa reclámalle á Xunta, ademais, que estableza un protocolo que regule “de forma clara e homoxénea” o acceso á interrupción do embarazo e estableza o rexistro de sanitarios obxectores que contempla a lei.
Por outra banda, Castro esixiulle ao Goberno galego a inclusión da educación sexual no sistema educativo “de maneira real” e, finalmente, que tome medidas para evitar que organizacións contrarias aos dereitos sexuais e reprodutivos poidan desenvolver calquera acción en centros educativos, sanitarios e sociais.
Nese senso, criticou que a Administración autonómica financie entidades “que poden contribuír a estigmatizar a quen decide interromper o seu embarazo” e que intenten “condicionar as decisións” das mulleres. “É absolutamente inadmisible que a Xunta destine recursos públicos a financiar charlas antiabortistas”, insistiu.
Paloma Castro censurou que o PP vexa na interrupción voluntaria do embarazo “a concesión dunha prestación sanitaria”, mentres que para os e as socialistas é “un dereito fundamental, a expresión máis clara da liberdade, a igualdade e a dignidade das mulleres: decidir sobre o noso corpo e, de maneira literal, decidir sobre a nosa vida, sobre o noso presente e o noso futuro”.