O PSOE reclama á Xunta "menos escusas" para protexer á cidadanía ante os especuladores de vivendas

Lara Méndez adiantou hoxe tras a Xunta de Portavoces do Parlamento galego que Besteiro levará á sesión de control do vindeiro pleno “o problema que máis preocupa á cidadanía galega”
Lara Méndez PSOE
29 Sep 2026

A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, explicou hoxe tras a reunión da Xunta de Voceiros da Cámara que Besteiro levará á próxima sesión de control, a vindeira semana, “o problema que máis preocupa á cidadanía galega, o da vivenda”. Na súa comparecencia ante os medios, reclamou que Rueda debe deixar de “poñer paus nas rodas á Lei de Vivenda” e asuma “dunha vez” as súas competencias “para axudar aos galegos e ás galegas a ter un fogar digno a prezos asequibles”.

Méndez afirmou que, logo da resolución do Tribunal Constitucional, “que desbotou o recurso da Xunta contra a lei, xa non caben máis escusas para que deixen de coidar aos fondos de investimento, deixen de estar de lado dos especuladores e comecen a protexer á cidadanía”. A esa reclamación engadiu outra: “Deixen de torpedear aos concellos que queren controlar os prezos da vivenda. Teñen as competencias e teñen o aval xurídico para comezar a declarar zonas de mercado tensionado por iniciativa propia”.

A deputada socialista apuntou que “estaría ben” que a Xunta comezase por atender á proposta do PSdeG de constituír un banco público de alugueiro que permitise sacar ao mercado pisos a prezos razoables e dese garantías de pago e de coidado aos propietarios.

“Estamos a falar de que hai 36.500 persoas inscritas no rexistro de demandantes, dos que o 85 % solicitan un alugueiro; que nos anos 23 e 24 foron 868 persoas as que quedaron sen bono alugueiro e que en máis de 78.000 fogares galegos o custo da vivenda deixa á familia por debaixo do limiar da pobreza severa”, remarcou, e sinalou que, mentres, Rueda fai entrega en Santiago das primeiras 24 vivendas en 19 anos.

Lara Méndez advertiu que, dada a entidade do problema e a importancia do debate, non se entendería que a presidencia do Parlamento decidise acumular as preguntas ao presidente que vai formular a oposición no próximo pleno, aínda que en ambos casos sobre a cuestión da vivenda. Tal como explicou, esa petición xa foi trasladada na Xunta de Portavoces.

O Grupo Socialista insistirá durante a sesión plenaria sobre a crise habitacional, a través dunha proposición non de lei coa que lle reclama á Xunta “que faga algo cos seus orzamentos, porque o ano pasado só executou a metade dos fondos do programa de acceso á vivenda e moito nos tememos que este ano siga igual”. Iso “dá a medida da falta de interese do PP por afrontar este problema”, sinalou.

O PSdeG defenderá tamén iniciativas para esixirlle ao Goberno galego que rectifique na súa decisión de retirarlles o bono concilia ás familias que mandaron aos seus nenos e nenas a campamentos públicos, para que a Xunta faga pública a información da recadación polo canon da auga ano a ano desde 2012 (especificando concello por concello, así como os investimentos e actuacións executados en cada un), para que o conselleiro de Emprego dea explicacións sobre a sanción imposta a unha empresa da súa familia por contratación irregular e para reclamar un estudo de demanda e viabilidade para a creación dunha conexión directa de transporte público entre Carballo e a zona hospitalaria da Coruña.

0.42272400856018