O PSOE reclama ao PP que "lle dea máis dereitos a un óvulo fecundado que aos pacientes"

Julio Torrado censurou que a modificación da lei para impulsar a provisión de postos de difícil cobertura no Sergas non é máis que un intento de “parchear mal” 17 anos de desfeita na sanidade
Julio-Torrado-Tiro-Libre
7 Jul 2026

“Están por darlle máis dereitos a un óvulo fecundado que aos pacientes”. Con esa frase, cunha referencia á proposta sobre concibidos non nacidos que está a defender Feijoo, resumiu o deputado socialista Julio Torrado a xestión do PP respecto da sanidade durante os 17 anos de gobernos de Feijoo e Rueda. Foi durante o debate da proposición para modificar a Lei 2/2022, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura no Sergas.

Torrado advertiu da ineficacia da iniciativa que os populares defenderon esta mañá no pleno do Parlamento como un intento de “parchear mal o que destrozaron”, xa que, subliñou, non se chegou á situación de crise que padece a sanidade galega “por casualidade”.

O parlamentario do PSdeG recordou que o problema “é froito dunha década de recortes” que os populares “aplaudían” e dunha taxa de reposición que nalgúns momentos levou a que se contratasen só a metade dos profesionais que se xubilaban. “Aquel ministro Montoro estaba máis dedicado a venderlles leis ás empresas que a facer algo polo sistema sanitario”, censurou.

Julio Torrado sinalou que o PP leva todos estes anos “construíndo un sistema no que perdemos recursos en atención primaria para pasalos aos hospitais, priorizando isto porque lles gusta máis inaugurar máquinas que contratar profesionais”. Precisou tamén que incluso no referido aos propios hospitais se veñen quitando recursos dos comarcais en favor dos das grandes cidades, e dentro deles, priorizando especialidades sobre outras. Con iso, créanse “sanidades de distintos niveis”, dixo.

Ironizou, ademais, con que en 2022, despois “de todos eses recortes e concentración de recursos”, a Xunta deuse conta de que había un problema e creou a figura das prazas de difícil cobertura, o que resulta insuficiente “se non se acompaña de máis medidas”. Por exemplo, a dotación económica da que agora tampouco se acompaña a modificación legal, o que é “unha insensatez”.

Torrado resumiu a situación catro anos despois. Fíxoo formulando unha serie de preguntas. Entre outras, as seguintes: “Está mellor a atención primaria? As persoas esperan menos? Temos máis especialistas nos hospitais comarcais? Temos máis facilidade de conseguir unha cita cun especialista?”. A conclusión é que, aínda que “era difícil estar peor que en 2022”, a realidade di que non se foi a mellor, senón todo o contrario.

Para o portavoz socialista de sanidade, “o problema está en que vostedes conciben o sistema para que viva a base de espremer profesionais”, de modo que se todos os postos “van acabar sendo de difícil cobertura”. “O problema está en non dar os recursos suficientes”, salientou.

O deputado do PSdeG criticou que a “gran solución” do PP sexa “a extensión dunha lei de 2022 que, por certo, xa se tramitou de urxencia daquela”. “Este debate superounos e non son capaces de resolvelo, e veñen agora tramitar de urxencia a lei outra vez para que ninguén poida opinar moito máis alá”, dixo.

Julio Torrado alertou da inutilidade de reformar unha norma “utilizando argumentos de hai catro anos para facer o mesmo de antes” e trasladoulle unha recomendación ao conselleiro: “Innoven e invistan, que, se non, témome que a seguinte praza de difícil cobertura vai ser a súa”.

0.39045786857605