O Real Club Celta de Vigo entrega material contra incendios á Deputación de Ourense dentro da campaña solidaria “Xuntos contra o lume”

O Real Club Celta de Vigo fixo entrega este domingo á Deputación de Ourense de diverso material destinado á loita contra os incendios forestais, que será repartido entre os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e os bombeiros provinciais.
A entrega realizouse coincidindo co encontro entre o Ourense C.F. e o Celta B disputado no Couto e enmárcase na iniciativa solidaria “Xuntos contra o lume”, promovida tras os incendios que afectaron á provincia no verán de 2025. O proxecto incluíu un partido benéfico celebrado o 8 de outubro en Balaídos entre o conxunto celeste e unha selección de futbolistas de equipos ourensáns, co propósito de recadar fondos para actuacións de reforestación nas zonas queimadas.
O material foi recollido polo vicepresidente terceiro e deputado de Emerxencias da Deputación, Plácido Álvarez, xunto ao xefe da Sección de Emerxencias provincial, José Ramón Sánchez. A doazón inclúe 60 batelumes, 50 mochilas de extinción e 19 caixas con máscaras e lentes de protección.
Segundo informou a institución provincial, o equipamento distribuirase entre os GES de distintos puntos da provincia —entre eles os de Celanova, Lobios, Muíños, Avión, Valdeorras, Maceda, A Gudiña, Castro Caldelas, Laza, Ribadavia, Pereiro de Aguiar e A Veiga— ademais do servizo de bombeiros situado no polígono de San Cibrao das Viñas.
Durante o acto, Plácido Álvarez destacou o apoio mostrado polo club vigués e agradeceu a súa implicación, asegurando que cando “o lume ataca ao noso rural estamos todos no mesmo equipo”.
O deputado sinalou tamén que este novo equipamento permitirá reforzar os medios dispoñibles fronte aos incendios forestais nos concellos ourensáns e puxo en valor un xesto que, ao seu xuízo, “demostra que somos un pobo que sempre está unido nos momentos difíciles”.