O regreso do Deportivo á elite recibe a homenaxe da Deputación

A Deputación da Coruña recibiu este luns ao RC Deportivo tras o seu ascenso á 1ª división do fútbol español, un regreso agardado polo deportivismo despois de oito temporadas fóra da máxima categoría e de catro anos afastado mesmo do fútbol profesional.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, encabezou o acto no salón de plenos acompañado polos portavoces dos grupos políticos con representación na institución. Alí foron recibidos os xogadores, o corpo técnico e a directiva do club coruñés, liderada polo seu presidente, Juan Carlos Escotet.
O ascenso quedou certificado esta pasada fin de semana en Valladolid, ata onde se desprazou unha ampla representación da afección branquiazul para acompañar ao equipo nunha cita decisiva. A celebración trasladouse agora ao pazo provincial, que se encheu de deportivistas para compartir co equipo un momento histórico.
Durante o acto, Formoso cualificou a xornada como un día 'moi especial' para a provincia e para Galicia. O presidente da Deputación destacou que o Deportivo é moito máis ca un club, ao definilo como un símbolo capaz de unir xeracións, territorios e sensibilidades distintas arredor dun sentimento común.
Formoso tamén quixo poñer en valor o papel da afección, á que describiu como 'incrible' e 'envexada por todos os clubs de España'. Ademais, trasladou o seu recoñecemento á directiva e ao presidente do club polo esforzo realizado para devolver ao Deportivo ao máximo nivel do fútbol nacional.
Pola súa banda, Juan Carlos Escotet agradeceu á Deputación o apoio mantido ao longo dos anos e o recibimento institucional. O presidente branquiazul subliñou que o ascenso devolve á Coruña a un espazo de máxima visibilidade dentro do fútbol español e lembrou que o Deportivo forma parte da historia social e deportiva da provincia.
Escotet recoñeceu tamén que o club atravesou nos últimos anos etapas de gran esixencia, nas que se fixo especialmente visible a fortaleza do deportivismo. Co regreso á elite, apuntou, ábrese unha nova etapa na que a entidade deberá seguir medrando con estabilidade, responsabilidade e un proxecto sólido, competitivo e preparado para o futuro.