O Resurrection Fest 2026 pecha a edición máis multitudinaria da súa historia con máis de 140.000 asistentes

Viveiro volveu converterse durante catro días na capital mundial do rock e do metal coa celebración da edición máis grande da historia do Resurrection Fest Estrella Galicia. O festival baixou o pano este domingo tras reunir máis de 140.000 asistentes ao longo de catro xornadas nas que participaron un cento de bandas repartidas en catro escenarios, superando os rexistros acadados na histórica edición do seu vinte aniversario celebrada en 2025.
A edición de 2026 tamén bateu marcas de asistencia dentro do propio recinto. A xornada do xoves converteuse no día con maior afluencia de público desde o nacemento do festival, confirmando o enorme atractivo dun cartel que reuniu algunhas das formacións máis destacadas do panorama internacional do rock e do metal.
Entre os grandes protagonistas desta edición estiveron Iron Maiden, que ofreceron unha actuación chamada a permanecer na memoria dos seguidores do festival. Xunto a eles actuaron Sabaton, unha das referencias do metal contemporáneo; Limp Bizkit, protagonistas dun dos concertos máis comentados desta edición; e Marilyn Manson, unha das figuras máis recoñecibles do rock internacional.
Máis aló da programación musical, o festival volveu demostrar o seu peso como motor económico, social e cultural. Segundo os datos facilitados pola organización, a edición de 2026 xerou máis de 1.500 postos de traballo directos e máis de 4.000 empregos indirectos. Ademais, estímase unha repercusión socioeconómica superior aos 50 millóns de euros e un impacto mediático que supera os 60 millóns, o que sitúa o impacto global do evento por enriba dos 110 millóns de euros.
Estas cifras consolidan o Resurrection Fest como un dos principais motores culturais e económicos de Viveiro, da comarca da Mariña, da provincia de Lugo e do conxunto de Galicia. A organización destaca que estes resultados son o reflexo dun proxecto que continúa medrando sen perder a esencia coa que naceu en 2006, mantendo a paixón pola música e a cultura como sinais de identidade.
Desde o festival quixeron agradecer a colaboración das institucións e entidades que fan posible a celebración do evento, entre elas o Concello de Viveiro, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, cuxo apoio consideran fundamental para a continuidade do denominado “milagre viveirense”. Tamén realizaron un recoñecemento especial a Estrella Galicia, compañeira de viaxe desde a primeira edición e patrocinadora estratéxica do festival ao longo destes vinte anos.
A organización puxo igualmente en valor o papel do público, formado por decenas de miles de persoas chegadas de numerosos países, que contribuíron a consolidar unha comunidade internacional arredor do festival. Tamén destacou o traballo desenvolvido durante todo o ano polo equipo de Bring The Noise, responsable da organización dun evento que continúa medrando edición tras edición.
O Resurrection Fest Estrella Galicia 2026 despídese así sen incidencias destacables e deixando algunhas das imaxes máis multitudinarias e espectaculares da música en directo en España. Mentres tanto, a organización xa traballa na edición de 2027 co obxectivo de seguir fortalecendo un proxecto que converteu Viveiro nunha referencia imprescindible para o rock e o metal en Europa.