O Río Verbena Fest vivirá os seus días grandes esta fin de semana co apoio dos Concertos do Xacobeo

Siloé, La La Love You, Sidonie, Xoel López, Love of Lesbian ou Carlos Ares forman parte dun cartel que combina referentes da música estatal e talento galego
presentacion-rio-verbena-fest
19 Aug 2026

O Río Verbena Fest celebra esta semana a súa quinta edición consolidado como unha das citas musicais do verán en Pontevedra. Os días 21 e 22 de agosto, a explanada exterior do Recinto Feiral acollerá dúas xornadas de concertos cunha programación que combina música, ocio e artistas de diferentes xeracións. O festival conta co apoio da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, o programa impulsado por Turismo de Galicia para reforzar a música en directo como atractivo cultural e turístico e favorecer a súa distribución por todo o territorio.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación do festival e destacou que "o Río Verbena demostra a capacidade dos eventos musicais para atraer visitantes e xerar actividade económica no territorio". Neste sentido, lembrou que os establecementos hoteleiros da cidade e da contorna acadaron nas edicións anteriores o 100% de ocupación durante a súa celebración. "Son datos que amosan como a música en directo contribúe a reforzar o atractivo turístico das cidades galegas e a dinamizar a súa actividade durante a tempada estival", sinalou.

O representante da Xunta puxo tamén en valor a evolución do festival e a súa capacidade para reunir "artistas consolidados e novos nomes, dando visibilidade ao talento galego e ofrecendo unha programación capaz de conectar con públicos de diferentes xeracións". Así mesmo, destacou o papel dos Concertos do Xacobeo para "estender e descentralizar a oferta musical galega e apoiar eventos con capacidade para dinamizar os distintos territorios".

O Río Verbena Fest presenta este ano un cartel que transita polo pop, o indie e o rock e reúne referentes consolidados da escena estatal con artistas e proxectos emerxentes. A primeira xornada, o venres 21 de agosto, contará coas actuacións de Siloé, La La Love You, Sidonie, Luis Fercán, Sarria, Cora, Müntrails e Apolo 18, ademais da sesión de Señora DJ.

O sábado 22 será a quenda de Xoel López, Love of Lesbian, Carlos Ares, Sanguijuelas del Guadiana, León Benavente, Yoly Saa, Los Acebos e French Riviera, xunto coa sesión de Sergio el Indio DJ.

A programación incorpora tamén unha importante presenza de artistas galegos, reforzando a conexión do festival coa escena musical do país e compartindo escenario con formacións e artistas de ampla traxectoria no panorama estatal.

O festival estende o seu ambiente máis aló do recinto principal a través das Sesións Verbeneiras, unha programación de acceso gratuíto na praza de Méndez Núñez que achega a música ao centro urbano de Pontevedra.

As sesións comezaron onte martes con Desconcerto e continúan hoxe mércores con Mamasunción e Four Passengers, completando a programación previa ás dúas xornadas principais do festival. Deste xeito, o Río Verbena suma novas propostas á oferta cultural da cidade durante a semana do festival.

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade, con máis de 185 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 80 localidades de toda Galicia.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán os Concertos do Xacobeo neste 2026. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único do programa, que continúa con 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano.

0.40900111198425