O rosaliano Álvaro Gómez acudirá ao Campionato de Europa Sub-15 de Bádminton

O xogador do Club Deportivo Escola Rosalía de Vigo foi convocado coa selección española tras unha tempada marcada polos éxitos a nivel nacional e internacional
alvaro-badminton-cesa
29 Sep 2026

O bádminton español terá no vigués Álvaro Gómez Vázquez unha das súas principais representacións no próximo Campionato de Europa Sub-15, que se celebrará do 7 ao 10 de outubro na localidade de Sotra, en Noruega. O xogador do Club Deportivo Escola Rosalía foi convocado oficialmente pola Federación Española de Bádminton para formar parte da selección nacional da súa categoría.

Álvaro Gómez desprazarase o vindeiro luns a Noruega xunto co seu técnico e responsable do CGTD de Pontevedra, o tamén vigués Rafael Vázquez, e co resto do combinado nacional. O obxectivo será adaptarse ao escenario da competición e preparar no propio lugar a cita continental.

A convocatoria pon o broche a unha tempada especialmente destacada para o mozo xogador, nacido en Vigo e con raíces familiares en Sober, onde residen os seus avós e ao que regresa sempre que o seu calendario deportivo llo permite. Ao longo de 2026, Álvaro Gómez acumulou importantes resultados tanto no ámbito nacional como internacional.

Entre os seus principais logros figura o título de campión de España por Seleccións Autonómicas Sub-15 coa selección galega, conseguido en Granollers. O xogador do Escola Rosalía gañou os nove partidos que disputou durante o torneo, mantendo un pleno de vitorias. Ademais, proclamouse subcampión de España nas categorías Sub-13 e Sub-15, nos campionatos celebrados en Cartagena e Granollers, respectivamente.

No ámbito internacional, Álvaro Gómez tamén conseguiu situarse entre os mellores da súa categoría. O vigués proclamouse campión do I Youth Portugal U15 e foi subcampión internacional no Spanish Andalusian International U15 de Benalmádena. A estes resultados sumou unha medalla de bronce no Multialarm International U15 disputado en Pécs, Hungría.

A tempada complétase co título de campión galego Sub-15 e cunha traxectoria regular no Circuíto Nacional, onde os seus resultados nos Máster Nacionais oficiais foron determinantes para conseguir a convocatoria coa selección española. Durante todo o ano mantívose nas posicións máis destacadas das competicións puntuables para o ranking estatal, tanto en individual masculino como en dobres masculino e dobres mixtos.

No Campionato de Europa de Sotra, Álvaro Gómez afrontará varias modalidades e competirá no cadro de dobres mixtos xunto á nevense Xulia Otero e no de dobres masculino xunto ao arjonillero Pedro Jesús Carmona. A súa presenza no equipo nacional supón un recoñecemento ao traballo de formación desenvolvido polo bádminton de Vigo e unha importante representación tanto para o deporte vigués como para Sober, onde tamén se segue con especial interese a evolución da nova promesa da Escola Rosalía.

0.43473505973816