O Rumboia Viva presenta o horario para o festival do sábado

O escenario recibirá as actuacións de Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, que darán paso xa de madrugada aos concertos de Boyanka Kostova e ao espectáculo de Lucasiito B2B Somiiux
programa-rumboia-viva
23 Jun 2026

O Campo da Feira de Gontán, no concello de Abadín, acollerá o sábado 27 de xuño unha nova edición de Rumboia Viva, unha xornada festiva que combinará música en directo, artesanía, actividades participativas e propostas para todos os públicos.

A programación arrancará ás 16.30 horas coa apertura do mercado de artesanía. Media hora despois, ás 17.00 horas, celebrarase o obradoiro de nail art Nails Out, mentres que ás 17.15 horas terá lugar unha sesión de xogos tradicionais a cargo de Xotramu. A oferta cultural da tarde completarase ás 19.00 horas co contacontos O que non estaba escrito.

A partir das 20.15 horas a música converterase na gran protagonista do evento. O escenario recibirá as actuacións de Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, que darán paso xa de madrugada aos concertos de Boyanka Kostova e ao espectáculo de Lucasiito B2B Somiiux.

Durante os descansos entre actuacións, a animación musical correrá a cargo da DJ Bea Fernandes, que será a encargada de manter o ambiente festivo ao longo de toda a noite.

A iniciativa busca consolidarse como unha cita de referencia no calendario cultural e de lecer da comarca, combinando propostas musicais de diferentes estilos con actividades abertas á participación do público e coa promoción da artesanía local nun espazo de encontro e convivencia.

0.27172589302063