O rural galego reivindica en Mazaricos o seu dereito a decidir sobre o territorio

Máis de 50 plataformas, asociacións e colectivos participaron no IV Encontro Burla Verde, que combinou formación, debate, cultura e convivencia durante dúas xornadas
MAZARICOS burla verde
6 Sep 2026

Máis de 50 plataformas, asociacións e colectivos de diferentes puntos de Galicia reuníronse esta fin de semana en Santiago de Arcos, en Mazaricos, con motivo do IV Encontro Burla Verde. A cita rematou este domingo cunha mensaxe común: defender o territorio e garantir que o rural continúe sendo un espazo habitado, organizado e con capacidade para decidir sobre o seu futuro.

Á convocatoria sumáronse outras 35 organizacións que non puideron desprazarse ata Mazaricos, pero que trasladaron o seu apoio á iniciativa. A edición deste ano estivo encabezada pola Plataforma Salvemos A Ruña, coa colaboración de diferentes asociacións, plataformas e colectivos.

A elección de Mazaricos responde, segundo a organización, á realidade que vive actualmente esta zona, na que están previstos ou en tramitación distintos proxectos enerxéticos e industriais. Entre eles figuran os parques eólicos Alvite II e A Ruña III, a central hidroeléctrica reversible da Ruña e varias plantas de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais.

Durante dúas xornadas, o encontro combinou formación xurídica, análise científica, debate, experiencias de mobilización e actividades culturais. Un dos primeiros espazos estivo dedicado ás ferramentas administrativas e xudiciais para a defensa do territorio, desde as alegacións e os recursos ata a vía contencioso-administrativa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A ciencia tivo tamén un papel destacado coa conferencia do catedrático Juan Ramón Vidal Romaní, centrada nos riscos das centrais hidroeléctricas reversibles e nas súas posibles consecuencias sobre a seguridade, o territorio e a xestión da auga. A cuestión tivo especial relevancia pola presenza dun proxecto destas características na contorna da Ruña.

Outro dos momentos centrais foi o Foro do Territorio, no que representantes de numerosos colectivos compartiron as súas experiencias, ferramentas de defensa, dificultades e aprendizaxes. Entre as propostas formuladas apareceu a creación dunha TV Rural, un proxecto audiovisual pensado para divulgar a realidade das diferentes comarcas e dar voz directa ás persoas e organizacións que traballan na defensa do territorio.

O programa incluíu ademais unha andaina ata A Ruña na que participaron arredor de 50 persoas, proxeccións audiovisuais, literatura, teatro, feira do libro, artesanía, produtos ecolóxicos, regueifa e diferentes actuacións musicais. Os concertos de Yas de Luaces, Zeltia Irevire e Baralhete Sound System puxeron o peche á xornada do sábado.

A segunda xornada estivo protagonizada polos colectivos locais Salvemos A Ruña, Boca de Sapo e Vendaval, que explicaron como se viven desde Mazaricos os diferentes conflitos territoriais e a relación mantida coas administracións. A programación completouse con actividades literarias, teatro e a actuación das pandeireteiras da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos.

O IV Encontro Burla Verde pechou así cunha reivindicación que vai máis alá da oposición a proxectos concretos. A organización defende a necesidade de fortalecer as redes entre os colectivos, compartir coñecementos e experiencias e poñer en valor un rural que quere seguir sendo un lugar para vivir e construír comunidade.

0.34930992126465