O Salón do Libro 2026 homenaxeará á libreira Luz Gallego “Nenuca” e ao editor Manuel Bragado

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recoñecerá na súa 27ª edición o labor da libreira e mediadora Luz Gallego, da Libraría Seijas, e do editor Manuel Bragado, figuras clave na cadea do libro galego.
Salon Libro Pontevedra
29 Jan 2026

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celebrará a súa 27ª edición entre o 6 e o 22 de marzo de 2026 cunha homenaxe a dúas figuras fundamentais do mundo do libro: a libreira e mediadora Luz Gallego, coñecida como Nenuca, da Libraría Seijas, e o editor Manuel Bragado. O recoñecemento terá lugar o día 21 de marzo no marco da programación do Salón.

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, presentou esta mañá ás persoas homenaxeadas e destacou que o Salón leva anos ampliando o foco máis alá da autoría para poñer en valor toda a cadea do libro. “O libro é moito máis ca quen escribe: comeza nas editoriais e remata nas librarías”, sinalou.

No caso de Luz Gallego, Nenuca, o Concello quere recoñecer unha traxectoria vencellada desde o inicio ao Salón do Libro. Formou parte do equipo organizador das primeiras edicións e nunca se desvinculou do proxecto. Representa o papel das librarías de barrio e das mediadoras culturais que recomendan con criterio, coñecen aos seus lectores e lectoras e exercen unha función esencial de prescrición. Ademais do seu labor como libreira, destacou tamén a súa implicación na organización de feiras do libro, a súa colaboración coa prensa local e a súa formación continua.

Pola súa banda, Manuel Bragado será homenaxeado como unha das figuras centrais da edición galega contemporánea. Ao longo da súa traxectoria estivo ligado á publicación de autores e autoras fundamentais da literatura infantil e xuvenil, como Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo ou Ledicia Costas, ademais do seu papel como docente, activista cultural e impulsor de proxectos de renovación pedagóxica.

Durante a presentación, Demetrio Gómez deu a coñecer tamén unha nova recente: Dona Carme, o único libro de literatura infantil escrito por Manuel Bragado, foi seleccionado entre os 20 títulos premiados pola Fundación Cuatrogatos de Miami, entre máis de 1.600 obras presentadas por editoriais de 16 países. O concelleiro destacou tamén a presenza doutras editoriais de Pontevedra, como Kalandraka e Pepa Loba, entre as premiadas.

No acto, Luz Gallego agradeceu o recoñecemento do Concello e do Salón do Libro, lembrando que o evento foi sempre “a casa” da Libraría Seijas e salientando o privilexio de formar parte do equipo organizador desde os seus inicios. Pola súa parte, Manuel Bragado expresou o seu compromiso de seguir apoiando o Salón e propuxo avanzar cara a un proxecto máis ambicioso: converter Pontevedra nunha Cidade do Libro e da Lectura, ao abeiro do programa de Cidades Creativas da UNESCO.

⚙ Configurar cookies
0.24740982055664