O Sarria Blues no Camiño regresa en agosto cun programa protagonizado polas voces femininas

O festival celebraras do 6 ao 9 de agosto e incluirá actuacións de blues, jazz e música afroamericana, ademais de concertos na rúa e o tradicional desfile Mardi Grass
Sarria Blues no Camiño 2026 cartel
11 Jul 2026

O Festival de Músicas Afroamericanas Sarria Blues no Camiño celebrará a súa quinta edición entre os días 6 e 9 de agosto cunha programación que volverá levar o blues, o jazz e outros sons de raíz afroamericana a diferentes escenarios de Sarria.

O evento, organizado polo Concello de Sarria, conta nesta edición coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Xacobeo 2027, reforzando unha cita que se consolidou como unha das propostas musicais do verán na vila.

A programación arrancará o xoves 6 de agosto ás 20.00 horas no atrio da Igrexa de San Salvador coa actuación de Félix Slim e The Pipers Blues Band. Máis tarde, ás 22.30 horas, o Paseo do Malecón acollerá o concerto da Banda de Música da Comarca de Sarria, que ofrecerá un repertorio de estándares de blues e jazz coa participación de artistas convidadas.

O venres 7 de agosto a música trasladarase ao Meigallo. A partir das 21.00 horas actuarán Misuria, banda coruñesa de blues tradicional e de raíces, e Sweet Marta & The Blues Shakers, formación de blues clásico encabezada pola harmonicista Sweet Marta.

A xornada do sábado 8 comezará ás 13.00 horas na Terraza Don Pepe coa actuación de Los Jorobados del Miño. Pola tarde, ás 20.00 horas, a Rúa da Liberdade será o escenario do tradicional Desfile Mardi Grass, unha das actividades máis participativas do festival, na que colaboran entidades, colectivos e veciñanza.

O concerto principal celebrarase ese mesmo sábado ás 22.30 horas no aparcadoiro do Campo do Río. O cartel estará formado por Andrea & The Black Cats e Dorrey Lyles & Marcos Coll Band, reunindo sobre o escenario á cantante afroamericana Dorrey Lyles e ao harmonicista compostelán afincado en Alemaña Marcos Coll.

O festival pecharase o domingo 9 de agosto ás 21.00 horas na A.C. Rúa da Música co tradicional concerto de despedida e unha jam session aberta arredor da música afroamericana.

Durante os catro días do festival tamén haberá actuacións acústicas de Street Blues en distintos puntos da vila, co obxectivo de achegar a música ás rúas, á hostalaría, ao comercio local e á veciñanza.

A organización mantén a súa aposta por combinar a programación musical coa participación social e a dinamización local, polo que anima á veciñanza, aos establecementos e aos colectivos a implicarse no ambiente do festival, especialmente no desfile do sábado e na decoración dos escaparates con motivos relacionados co blues.

0.30451607704163