O sector editorial reúnese desde o martes en Santiago para tratar sobre os retos do lector

O encontro abordará a colaboración entre editoriais, librarías, distribuidoras e industrias gráficas como elemento clave para afrontar os desafíos do sector
libros-leer-letras-galegas-biblioteca
29 Jun 2026

Santiago de Compostela acollerá, entre os días 30 de xuño e o 2 de xullo, o Encontro da Edición 2026, unha cita organizada pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), coa colaboración da Asociación Galega de Editoras (AGE) e CEDRO, que reunirá a representantes de toda a cadea do libro para debater sobre algúns dos principais retos aos que se enfronta a industria editorial analizar algunhas das preocupacións e desafíos do mundo do libro no Estado español. Tras dedicar a edición anterior ás políticas de fomento da lectura e a internacionalización das editoriais españolas, este ano porá o foco na colaboración entre os axentes do sector, a importancia dos contidos educativos no ensino; o avance da literatura infantil e xuvenil e do cómic, así como o fomento da edición nas linguas cooficiais do Estado ou a cooperación internacional na promoción do libro e a lectura.

As xornadas de traballo terán lugar os días 1 e 2 de xullo no auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A apertura correrá a cargo da presidenta do CCG, Dolores Vilavedra; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a directora xeral do Libro e Fomento da Lectura do MCU, María José Gálvez; o presidente da Asociación Galega de Editoras, Miguel Toval; e o presidente da Federación de Gremios de Editores de España, Manuel González.

A primeira mesa de debate estará dedicada á colaboración da cadea do libro como elemento clave de difusión das letras e a cultura. Nela participarán Miguel Iglesias, presidente de CEGAL, Astor García, presidente de FANDE Libros, Ignacio Manero, presidente de FEIGRAF; e Manuel González, presidente da FGEE. A sesión estará moderada por Fernando Benzo, secretario xeral da FGEE, e permitirá analizar a importancia de reforzar a cooperación entre editoriais, libreiras/os, distribuidoras e industrias gráficas perante os desafíos actuais do sector.

O programa tamén abordará a situación dos contidos educativos, da man de César Gómez, do Grupo SM, José Manuel Pazo, de Disma Libros e Cielo Fernández, da Federación de Librerías de Galicia. Esta mesa, moderada por Santiago Romero, director xeral de ANELE, analizará o papel dos libros educativos e a súa importancia no ecosistema editorial, a súa relación coa cadea do libro, e a súa importancia no proceso de ensino-aprendizaxe.

A literatura infantil e xuvenil, o cómic e o uso das linguas cooficiais

A literatura infantil e xuvenil será outro dos ámbitos destacados, nunha mesa con Eva Jiménez, de Editorial Flamboyant; Verónica García, de Distribuidora Machado Libros e Susana Barro, da librería El faro de los tres mundos. Moderada por Hadrián Ballesteros, de Kalandraka, abordará a evolución dun segmento que en 2025 facturou 649,67 millóns de euros, un 17,8 % máis ca no ano anterior, consolidándose como un dos segmentos con mellor evolución do mercado editorial español.

A celebración do encontro en Galicia permitirá tamén poñer o foco na edición e venda do libro en galego, éuscaro e catalán. Este debate contará coa participación de Oriol Magrinyá, de AELLEC; Mikel Esnal, de Elkar, e Mariña de Toro, da libraría Numax, e estará moderado por Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora. A mesa abordará os retos de edición, distribución, visibilidade e acceso aos catálogos nas linguas cooficiais, nun contexto en que Galicia se sitúa entre as comunidades que máis melloraron o seu índice de lectura en tempo libre durante os últimos cinco anos.

Por outra parte, o cómic, un dos formatos con maior crecemento nos últimos anos, contará cunha sesión específica. Nela intervirán José Luis del Río, de Apache Libros; Patricia Portabales, de Arnoia Distribución, e Ascensión Almodóvar, da libraría Serendipia e será moderada por Pedro Medina, de Fandogamia Editorial. En 2025, a facturación en España de cómics, banda deseñada e novelas gráficas acadou os 97,29 millóns de euros, un 38,6 % máis ca no exercicio anterior.

O Encontro da Edición 2026 tamén analizará da cooperación internacional no sector do libro nunha sesión con José Borghino, da International Publishers Association (IPA), e de Enrico Turrin, da Federation of European Publishers (FEP), moderada por José Manuel Anta, director xerente da FGEE.

Este bloque abordará a proxección exterior do libro español, a cooperación coas organizacións internacionais do sector e os retos comúns que enfronta a edición no contexto europeo e global. En 2024, as exportacións do sector do libro español acadaron os 381,08 millóns de euros, con Iberoamérica e a Unión Europea como principais destinos.

Finalmente, a última xornada estará dedicada á colaboración e aos apoios das institucións públicas ao sector do libro. Nela participarán Carmen Páez, subsecretaria de Cultura do Ministerio de Cultura, e José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

0.33189105987549