O senador Manuel Mirás acusa ao PP de "atrasar" a transferencia da AP-9 a Galicia

O senador socialista criticou que os populares presentasen na Cámara Alta sete emendas ao acordo do Congreso
Imaxe dunha peaxe na AP-9
7 Jul 2026

O senador do PSdeG Manuel Mirás denunciou hoxe na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible da Cámara Alta que o PP está a “atrasar unha vez máis” a transferencia da AP-9 a Galicia, ao presentar sete emendas á proposición de lei que vén de aprobar o Congreso.

Mirás asegurou que os feitos “desmontan por completo” o discurso dun Partido Popular que, cando gobernaba, “vetou reiteradamente as iniciativas aprobadas polo Parlamento de Galicia para transferir a autoestrada”. “Non só non impulsaron esa transferencia, senón que impediron que as Cortes Xerais puideran sequera debatela”, insistiu para remarcar que, “mentres iso ocorría, gardaron silencio absoluto e non fixeron nin unha protesta institucional, nin unha esixencia ao Goberno de España, nin unha defensa firme de unha reivindicación histórica de Galicia”.

O parlamentario socialista salientou que o texto que saíu do Congreso “deixa expresamente claro que todos os actos, dereitos, obrigas e responsabilidades derivadas da xestión da autoestrada realizada ata o momento seguirán sendo asumidas pola Administración Xeral do Estado, é dicir, que Galicia non asumirá cargas derivadas das decisións do Estado”. Por iso, advertiu que é “falso” o argumento no que se escuda o PP, que insinúa que a transferencia xera inseguridade e riscos económicos para a comunidade autónoma. “A proposición de lei evita precisamente esa posibilidade”, subliñou.

Lembrou, ademais, que “ningunha transferencia remata coa aprobación da lei orgánica”, senón que, como sabe “calquera persoa cun mínimo de coñecemento do Estado Autonómico”, será a comisión bilateral “a que negocie e concrete o alcance efectivo do traspaso, os medios persoais e materiais, a valoración económica e todas as cuestións técnicas necesarias para garantir unha execución ordenada”.

Manuel Mirás cualificou de “sorprendente” que o Grupo Popular pretenda introducir no debate do Senado “cuestións que corresponden, precisamente, a esa fase de negociación posterior”, o que, ao seu xuízo, indica “unha falta de confianza nos mecanismos previstos no ordenamento xurídico”.

O senador apuntou que a proposición de lei acadou no Congreso unha ampla maioría “liderada polo Partido Socialista”. Porén, as sete emendas introducidas agora polos populares “non melloran a lei, non dan maior seguridade xurídica, non ofrecen máis seguridade financeira e non resolven ningún problema real, porque calquera problema xa está resolto no propio texto”.

Defendeu que, a diferenza do que acontece co PP, os socialistas cren no autogoberno de Galicia tanto cando están no goberno como cando están na oposición. “Fronte a quen tiveron durante anos a oportunidade de transferir a AP-9 e nunca o fixeron”, engadiu.

Mirás lamentou a posición do PP cando debe demostrar “se realmente están a favor da transferencia da AP-9 ou se durante anos esta reivindicación foi unicamente un slogan político”. “Os galegos saberán quen fixo posible esa transferencia e quen tratou de atrasala unha vez máis”, insistiu.

0.4146420955658