O Sergas afirma que convocou no último ano 5.450 prazas en 80 categorías

O Servizo Galego de Saúde subliña que nunca houbo tantas persoas traballando na sanidade pública, con 48.690 profesionais a 31 de decembro de 2025
ambulancia-arquivo-sanidade
7 May 2026

O Servizo Galego de Saúde convocou no último ano 5.450 prazas en 80 categorías de persoal estatutario e incrementou nun 21 % o número de profesionais desde 2008. Así o destacou esta mañá a directora xeral de Recursos Humanos, Mar Pousa, quen compareceu a petición propia na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia para presentar os principais obxectivos e as liñas centrais de traballo do seu departamento.

A representante de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde subliñou que nunca houbo tantas persoas traballando na sanidade pública da comunidade. Indicou, neste sentido, que a 31 de decembro do pasado ano eran 48.690 os profesionais, unha cifra moi destacada tendo en conta que no ano 2008 o Sergas tiña 40.033 empregados.

Na súa comparecencia, a directora remarcou o importante déficit de profesionais sanitarios que hai a nivel nacional na actualidade, que nalgunhas especialidades concretas amósase moi acusado, complicando a cobertura.

Tal e como detallou Mar Pousa, cos procesos de estabilización e as ofertas de emprego ordinarias que estaban pendentes, o Sergas incorporou máis de 3.800 profesionais estatutarios fixos.

Engadido ao anterior, na oferta de emprego público do 2024 para o persoal estatutario, o Sergas preveu 1.157 prazas, esgotando a taxa máxima de reposición. Así mesmo, as ofertas que se aprobaron para o 2025 en aplicación desa taxa de reposición acadaron as 1.560 prazas.

Co obxectivo de reducir a temporalidade ao redor dun 8 %, o Servizo Galego de Saúde autorizou con carácter extraordinario no decreto de oferta de emprego público do pasado ano, unha taxa adicional específica de 2.000 prazas. Deste xeito, na oferta de emprego para o 2025 contempláronse 3.560 prazas.

Estas 3.560 prazas, sumadas ás pendentes, posibilitou que, desde xullo do pasado ano, o Sergas publicase novas convocatorias de procesos selectivos en 80 categorías de persoal sanitario sumando un total de 5.540 prazas.

Procesos en todas as categorías de primaria

A directora do Sergas tamén referiu que, actualmente, están previstos procesos selectivos en todas as categorías de atención primaria, redobrando o esforzo da Xunta neste nivel asistencial, nun momento no que se están a incorporar as persoas nomeadas como médicos de familia fixos, froito dunha oferta de 271 prazas.

Tamén destacou que, por primeira vez en Galicia, se convocan procesos selectivos nas categorías de enxeñeiro biomédico e dietista-nutricionista.

Todas estas convocatorias amosan, proseguiu Mar Pousa, a aposta da Xunta polo emprego público estable e de calidade na sanidade pública galega.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, a directora tamén se referiu á sinatura entre o Sergas e as organizacións dun novo pacto de selección de persoal estatutario temporal que, como principal novidade, incorpora a posibilidade de ofertar contratacións por medios telemáticos, dotando ao proceso de maior axilidade e celeridade, buscando acadar unha pronta resposta ás necesidades asistenciais e unha maior comodidade aos aspirantes.

Engadido ao anterior, e tendo en conta a necesidade de reforzar a continuidade asistencial en primaria, Mar Pousa sinalou que o Sergas estendeu o horario de apertura dos PAC á mañá dos sábados, que suporá un incremento de 211 prazas no período 2026-2028.

A directora tamén incidiu na modificación da Lei de Saúde de Galicia, co obxectivo de blindar a protección do persoal sanitario ante agresións.

Un dos ámbitos que a representante do Sergas dixo que máis se está a traballar é o da pediatría de atención primaria. Así, definiuse esta categoría como de difícil cobertura, mantendo Galicia unha das taxas máis baixas de postos sen cubrir. Ao respecto dixo que, a semana pasada, o Sergas convocou un proceso selectivo con 54 prazas.

Mar Pousa concluíu a súa intervención manifestando que a Xunta seguirá a traballar desde o diálogo, a responsabilidade e o compromiso coa sostibilidade do sistema sanitario público, co obxectivo de mellorar as condicións laborais, garantir a calidade asistencial e recoñecer o esforzo dos profesionais.

0.20907306671143