O Sergas amplía o cribado poboacional por cancro de cérvix a mulleres de 30 anos e menores se non están vacinadas

Durante os vindeiros anos incorporaranse ao programa un total de 57.946 mulleres que cumprirán 30 anos entre 2026 e 2030, e preto de 18.000 galegas que cumprirán 25 anos
vacina-covid-coronavirus
21 Sep 2026

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, informou hoxe tras o Consello da Xunta, da ampliación do Programa galego de detección precoz de cancro de cérvix, cuxa poboación diana se estenderá a todas mulleres galegas con idades comprendidas entre os 30 e 65 anos. Tamén estenderá este cribado á poboación feminina con idades comprendidas entre os 25 e os 29 anos, no caso de que non dispoñan dunha pauta de vacinación axeitada.

Tal e como salientou Rueda, a Xunta segue “impulsando os cribados como mellor xeito de previr enfermidades graves”, apuntando que o obxectivo é chegar a “76.000 mulleres máis desde agora, que xa empeza o ofrecemento deste cribado, ata o ano 2030”.

O Executivo galego dá así cumprimento á modificación da carteira de servizos comúns acordada polo Sistema Nacional de Saúde para baixar a idade da poboación diana con proba primaria de VPH-AR ata os 30 anos. Ata o de agora o cribado poboacional galego abranguía ás mulleres con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos. Neste senso, a ampliación da poboación diana en Galicia suporá a incorporación gradual dun total de 57.946 mulleres que, entre 2026 e 2030, farán os 30 anos, e tamén de preto de 18.000 galegas que farán 25 anos no mesmo período e non teñen unha pauta vacinal axeitada fronte ao virus do papiloma humano de alto risco.

Sobre este último grupo, cómpre apuntar a consideración de que unha muller está axeitadamente inmunizada se lle foi administrada, alo menos, unha dose da vacina fronte ao virus do papiloma humano antes de facer os 15 anos de idade.

Entre as medidas aprobadas polo Consello da Xunta esta mañá tamén destaca a posta en marcha dun circuíto único e a adopción como proba primaria do test do virus do papiloma humano de alto risco (VPH-AR). Xa que logo, a Xunta convidará á realización deste test a todas as mulleres que participen no cribado, independentemente da súa idade.

A diferenza doutras comunidades autónomas, que combinan a realización de citoloxías ou test segundo a súa idade e perfil de vacinación, Galicia aposta por unificar o proceso nun circuíto homoxéneo de proba única primaria que abranguerá dos 25 ata os 65 anos, con que se garantirá unha maior precisión e homoxeneidade nos resultados.

Esta decisión atende as recomendacións do Grupo de Traballo da Comisión Europea sobre o cancro de cérvix, ao permitir superar as limitacións das citoloxías tradicionais, cuxos resultados presentaban unha taxa superior ao 28,7 % de falsos negativos en patoloxías invasivas.

Un cribado que detecta o 75 % dos cancros en estadio I

Desde a posta en marcha do Programa de detección precoz de cancro de cérvix, no ano 2019, a Consellería de Sanidade cursou máis de 397.000 invitacións ás mulleres galegas, o que posibilitou a realización de 248.872 probas (participación do 62,55 %).

Durante estes anos, a estratexia galega ten demostrado o seu éxito ao permitir a detección de 105 cancros ata decembro do ano 2025. Nesta liña, cómpre destacar que o 75,7 % destas lesións se atopaban en estadio I, “na fase máis temperá e con máis posibilidades polo tanto de ser atallados”, segundo explicou Rueda.

Do mesmo xeito, o cribado de cancro de cérvix posibilitou o tratamento de preto de 3.000 lesións precursoras que se atopaban en diferentes estadios, o que evitou a súa evolución cara a fases invasivas, ao tempo que preservou a saúde reprodutiva das mulleres.

Para levar a cabo a ampliación da poboación diana deste programa, a Xunta realizará un investimento de 51.000 euros, destinado á subministración e envío dos dispositivos de autotoma, así como para as determinacións das análises de laboratorio.

Coa ampliación da poboación diana do Programa de detección precoz de cancro de cérvix, o Goberno galego garante o acceso equitativo ás probas preventivas en toda a comunidade, ao tempo que reduce a mortalidade e morbilidade evitable asociada ao desenvolvemento de carcinomas cervicais invasivos.

0.34169793128967