O Sergas asegura que a Pobra do Brollón ten atención médica diaria mentres veciñanza, PSdeG e BNG reclaman cubrir as prazas vacantes

A Área Sanitaria afirma que hai facultativo todos os días laborables e que as citas se están dando cunha demora de arredor de tres días, mentres a mobilización deste martes esixe unha cobertura estable
Centro-de-saude-A-Pobra-do-Brollon
25 Aug 2026

O Sergas asegura que a Pobra do Brollón ten atención médica diaria mentres veciñanza, PSdeG e BNG reclaman cubrir as prazas vacantes

A situación da atención sanitaria na Pobra do Brollón afronta este martes unha xornada de mobilizacións convocadas pola veciñanza, que sae á rúa para reclamar unha atención médica “adecuada, estable e suficiente”. Á protesta sumáronse tamén o PSdeG e o BNG, que reclaman á Xunta a cobertura das prazas médicas do centro de saúde e denuncian as dificultades para garantir unha asistencia estable no municipio. Pola súa banda, a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos asegura que o centro conta con cobertura médica todos os días laborables e que as consultas se están programando con normalidade.

A protesta celebrouse baixo o lema “A saúde non pode esperar! A Pobra do Brollón necesita médicos!” e xorde tras a xubilación dun dos facultativos do centro de saúde. A veciñanza e as formacións da oposición denuncian que as prazas médicas non están cubertas de maneira estable, mentres que o Sergas sinala que unha delas está vacante e continúa ofertándose e que a ausencia temporal da profesional que ocupa a outra está sendo substituída diariamente.

O BNG considera que a situación está a provocar unha maior carga de traballo para o persoal sanitario. A responsable da formación nas comarcas do sur de Lugo, Rosana Prieto Florines, asegura que manter esta situación supón “consagrar dúas cousas moi graves”: asumir como normal que a poboación do sur de Lugo dispoña de menos médicos e manter a sobrecarga do persoal sanitario como consecuencia dunha “xestión sanitaria insuficiente”.

Prieto Florines defende ademais que “non é negociable a Sanidade Pública e de calidade para todxs, tamén para o Sur de Lugo”, e reclama que vivir neste territorio non supoña unha desvantaxe no acceso á asistencia sanitaria. O BNG alerta tamén da situación das especialidades, que, segundo a súa responsable comarcal, “cada vez son menos e están máis lonxe”.

Ao mesmo tempo, o PSdeG apoiou este martes a mobilización da veciñanza. Na protesta participaron a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o portavoz socialista na Pobra do Brollón, Adolfo Rubio; e o alcalde de Ribas do Sil, Roberto Castro.

Méndez anunciou que os socialistas levarán ao Parlamento de Galicia as demandas da cidadanía para reclamar á Xunta que cubra de inmediato as dúas prazas médicas do centro de saúde, recupere a atención pediátrica e garanta unha asistencia estable. A socialista advertiu de que a situación da Pobra do Brollón forma parte dos problemas de cobertura sanitaria que, ao seu xuízo, se están producindo en numerosos municipios do rural galego.

“Este é o resultado da política sanitaria do PP, que leva anos debilitando a atención primaria e que castiga especialmente á veciñanza do rural”, afirmou Méndez, que reclamou á Xunta “que exerza as súas competencias e garanta unha atención sanitaria pública, próxima e estable, independentemente de onde se viva”. Tamén advertiu de que “non se pode seguir respondendo con parches cando falta un profesional” e reclamou que se cubran as prazas para garantir unha atención continuada.

Pola súa banda, Adolfo Rubio denunciou que o centro de saúde da Pobra do Brollón conta con dúas prazas médicas asignadas, pero que actualmente se atopan sen cobertura estable. Segundo explicou, unha delas quedou sen cubrir tras a marcha da facultativa que substituíra á profesional xubilada, mentres que a outra corresponde a unha médica que se atopa de baixa.

O portavoz socialista asegurou que a atención médica estaría quedando reducida á presenza puntual dalgún facultativo algunha tarde, sen un día fixo nin unha periodicidade que permita garantir unha atención continuada. O PSdeG engade a esta situación a ausencia de atención pediátrica e unha atención de enfermaría limitada ao horario de mañá.

Segundo Rubio, estas circunstancias estarían provocando demoras nas citas de ata quince días e obrigando a pacientes a desprazarse ao PAC ou ao Hospital de Monforte para recibir asistencia. O socialista tamén alertou das dificultades que esta situación pode xerar nun municipio rural e cunha poboación envellecida, especialmente para as persoas maiores que viven soas ou non dispoñen de vehículo.

“Ter médico no centro de saúde non é ningún privilexio, é un servizo público básico que o Goberno do PP ten a responsabilidade de garantir”, afirmou Rubio, que tamén lembrou que durante os meses de verán a poboación da Pobra do Brollón aumenta e denunciou que, segundo os socialistas, non se reforzan os recursos sanitarios.

Ante estas reivindicacións, a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos asegura que está garantindo a cobertura médica diaria no centro de saúde da Pobra do Brollón. Segundo explica, o centro dispón de dúas prazas de persoal médico: unha delas está actualmente vacante e continúa ofertándose para lograr a súa cobertura estable, mentres que a ausencia temporal do facultativo que ocupa a outra praza está sendo substituída todos os días.

A xerencia sinala que, ante a inexistencia neste momento de profesionais dispoñibles nas listas de substitución, está adoptando medidas organizativas para asegurar a presenza de persoal médico todos os días laborables.

O Sergas nega así que a veciñanza da Pobra do Brollón estea sen médico e tamén desmente que exista unha demora de quince días para conseguir unha consulta. Segundo os datos facilitados pola Área Sanitaria, actualmente as citas están sendo programadas cun prazo aproximado de tres días.

A administración sanitaria tamén puntualiza os datos de poboación adscrita ao centro. En concreto, sinala que conta con 1.380 tarxetas sanitarias, fronte ás preto de 2.000 que, segundo afirma, se aseguraron durante as reivindicacións. Esta poboación distribúese entre dous cupos médicos, cunha media de arredor de 700 tarxetas por cupo.

A Área Sanitaria considera que esta cifra está por debaixo da ratio de 1.500 tarxetas sanitarias por facultativo que, segundo indica, consideran idónea as sociedades científicas.

O Sergas afirma que respecta o dereito da cidadanía a manifestarse e reclamar melloras na asistencia, aínda que pide que as reivindicacións se baseen en “datos reais e contrastados”, ao considerar que determinadas afirmacións poden xerar unha percepción equivocada sobre a atención que se está prestando actualmente.

A prioridade da Área Sanitaria, segundo sinala, é manter unha atención próxima, accesible e de calidade e continuar traballando para conseguir a cobertura estable da praza que permanece vacante. Mentres non se produza esa incorporación, asegura que manterá as medidas organizativas necesarias para garantir a asistencia médica diaria no municipio.

0.34782886505127