O Sergas celebra este domingo unha nova xornada de oposicións con preto de 9.500 aspirantes

O Servizo Galego de Saúde celebrará este domingo no Recinto Feiral Internacional de Silleda unha nova xornada de exames de oposición á que están chamadas a participar 9.496 persoas.
Desde as 9,30 horas da mañá, un total de 1.496 opositores realizarán as probas para acceder ás prazas convocadas nas categorías de médico de admisión e documentación clínica, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, traballador social e mecánico.
En concreto, os exames da categoría de médico de admisión e documentación clínica contarán con 56 admitidos para un total de 5 prazas ofertadas, a de técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información con 91 aspirantes para 9 prazas, a de traballador social con 1.068 opositores inscritos para 57 prazas, e a de mecánico, con 277 aspirantes para 5 prazas.
Xa na quenda de tarde, e desde as 16,00 horas, un total de 8.003 persoas participarán nas probas de acceso ao grupo auxiliar da función administrativa. Nesta categoría, o Servizo Galego de Saúde oferta un total de 192 prazas.
As probas de acceso ao sistema sanitario público galego concluirán a vindeira fin de semana (14 e o 15 de novembro), coa realización duns exercicios aos que están chamados a participar 10.172 opositores.
Neste senso, desde 9,30 horas do próximo sábado, o Recinto Feiral Internacional de Silleda acollerá aos 34 aspirantes á categoría de médico xeral da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (6 prazas), aos 655 admitidos da categoría de farmacéuticos de atención primaria (31 prazas), aos 196 odontólogos de atención primaria (8 prazas), a 104 aspirantes a técnico en xestión en sistemas e tecnoloxías da información (9 prazas) e 181 admitidos ás probas de calefactor (7 prazas).
Nesa mesma tarde, e desde ás 16,00 horas, terán lugar as probas de acceso á categoría de celador, á que concorrerán 7.800 persoas (quenda xeral e de discapacidade intelectual) para unha oferta de 348 prazas.
O domingo, 15 de novembro, concluirá a rolda de probas do Servizo Galego de Saúde. Así, desde as 9,30 horas, o Recinto Feiral Internacional de Silleda acollerá aos 1.202 aspirantes das categorías de médico asistencial do 061 (139 admitidos para 8 prazas), terapeuta ocupacional (273 admitidos para 11 prazas), dietista-nutricionista (363 admitidos para 45 prazas) e electricista (427 admitidos para 11 prazas).
Durante este outono, o departamento sanitario da Xunta organiza as probas para acceder a 2.223 prazas.